Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 12.11.2019 Actualizado 12:08
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O TSXG espera que o plan de reforzo en xulgados dea resultados en 2020

O seu presidente defende o xurado popular e non ve "estraño" que o xuízo sobre Diana Quer tivese que aprazarse pola ausencia de membros

SANTIAGO. EP  | 04.11.2019 
A- A+

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez e Díaz-Castroverde, subliñou a confianza que ten en que o plan de reforzo dos xulgados galegos deixe ver "resultados" no prazo dun ano "ou un ano e medio".

Así o manifestou este domingo o presidente nunha entrevista na Radio Galega, recollida por Europa Press, na que admitiu "que a tramitación de asuntos non é tan rápida como debería". Por iso, o plan pretende incidir naqueles xulgados que "acumulan os maiores atrasos".

En concreto, os de carácter "social e os que teñen competencias en cláusulas abusivas", que son os máis afectados pola demora. "Todos eles están por encima do 140 por cento en asuntos de entrada", afirmou.

XURADO POPULAR NO CASO DE DIANA QUER
Gómez e Díaz-Castroverde tamén fixo referencia ás críticas recibidas polo retraso do xuízo no caso Diana Quer, xa que a vista tivo que posporse para dentro de semanas por falta de xurado popular.

Respecto diso, dixo que "os avogados coñecen a lei, saben que non é algo estraño". Defendeu que a figura do xurado popular "está a dar bos resultados e é importante que se poida constituír coa precisión e imparcialidade que a lei esixe".

Na súa opinión, as causas que provocaron a falta dalgunhas das persoas que estaban convocadas para formar ese xurado popular "estaban perfectamente xustificadas". Suspender o proceso foi "a mellor garantía", agora volverase a facer "un novo sorteo" e resolverase "nun prazo razoable".

ORGANIZACIÓN TERRITORIAL
Por outra banda, o presidente do órgano xurídico galego asegurou que tanto Galicia como España "ten que reflexionar sobre a organización territorial", que ten unha antigüidade "do século XIX". Por este motivo, ve necesario que no século XXI se faga "unha organización diferente".

Ao seu xuízo, este tema "non está resolto pero debémolo ter en conta para a creación de novos xulgados" que estean "acordes á realidade de Galicia".

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS