SANTIAGO. EP
O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, defendeu este mércores a substitución dos meteorólogos que ofrecían a información do tempo na Televisión de Galicia por xornalistas. Neste sentido, indicou que se aforrou o 50 por cento do custo deste servizo ao facelo con persoal propio e asegurou que "a calidade non se resentiu".
De feito, mostrou a súa "sorpresa" pola "rápida adaptación" dos profesionais da comunicación que dan a coñecer a información meteorolóxica e xustificou esta actuación sinalando que tampouco hai informáticos para informar das novas tecnoloxías ou economistas para a información económica. Esta medida comezou o 1 de xaneiro deste ano.
Non obstante, a deputada que promoveu a pregunta parlamentaria, a socialista Carmen Gallego, afirmou que se resente un servizo "moi importante para os sectores" como a pesca, a acuicultura, o turismo ou a gandaría.
Non obstante, Sánchez Izquierdo sinalou que "non ten nada de insólita" esta medida e asegurou que en moitos outros casos tamén son xornalistas os que dan esta información.
Así mesmo, apostilou que MeteoGalicia segue sendo "a fonte básica" de información para elaborar as predicións e considerou esta unha "forma máis de periodismo especializado".
Fronte ás acusacións de "falsa austeridade" que lle atribuíu a deputada do PSdeG, quen asegurou que os soldos non os sufragaba a CRTVG, Sánchez Izquierdo rebateu que antes o convenio coa Consellería de Medio Ambiente (da que depende MeteoGalicia) era de 120.000 euros e agora é de 60.000.