Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 21.08.2017 Actualizado 18:56
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

NOTICIAS COTIÁS

Un 2017 máis galego

RUTH FERNÁNDEZ  | 08.01.2017 
A- A+

Rematan as festas de Nadal, co punto e final do día de Reis, e comezan as rebaixas, esa esperada chegada dos saldos que moitos dos establecementos comerciais do noso país xa fan en galego. Algo que contrasta coa cantidade de inglés e castelán que empregamos estas datas coas mensaxes que enviamos por whatsapp para felicitar o aninovo e as propias festas de Nadal. Por que? Porque imos ó cómodo, así de sinxelo. Estamos tan acostumados a reenviar o que outros nos fan chegar por ese servizo de mensaxería que xa tanto nos dá, que sexa galego, castelán ou inglés, mesmo que estea escrito seguindo as normas de ortografía ou con erros. Todo vale e todo se reenvía, en cadea. E cando a unha lle toca a fibra sensible… críspase con tanto erro cometido.

Eu prefiro as palabras que saen do corazón, o que o outro escribe pensando en min, máis alá de que a mensaxe sexa tan chamativa e comercial. Preciso respirar de tanta mensaxe carente de personalidade! Certo é que todos caemos na tentación, eu incluída, enviando vídeos e algunhas imaxes que deixan atrás a nosa ensencia. Porque certo tamén é que cando un se pon a buscar imaxes algo creativas na rede tampouco atopa un material interesante que á vez amose a valía do noso idioma. Pero reclamemos o dereito de que nos dediquen uns minutos para construír mensaxes de felicitacións de Nadal, de aniversario… para nós, máis alá de acudir ó fácil de copiar o que hai na rede e compartilo. Reclamemos tamén que todos aqueles que traballan no campo do deseño gráfico teñan presente o noso idioma.

Cando se escribían postais e cartas que tardaban varios días en chegar tamén un se preocupaba de elaborar o texto doutra maneira. O emisor PENSABA o que quería dicir ó seu destinatario, reelaboraba a mensaxe, e como moito, podia incluír algúns versos, unha cita… naquel documento escrito. Hoxe non, o que importa é a inmediatez, a comodidade, non perder tempo e cumprir co compromiso. E así pérdese a esencia dunha felicitación, dun saúdo, … Dende aquí, a miña humilde felicitación. Desexo un moi feliz 2017 a todos os lectores deste  xornal. Que o novo ano traia moitas mensaxes en galego para todos nós, recibindo as mellores noticias no idioma de Pondal.

Uxío Novoneyra dicía que “a gran memoria útil dun pobo está na súa lingua”, animando ós docentes da época a ser fieis á terra da que saíran, a defender a súa idiosincrasia, a abrir a mente dos seus alumnos coñecendo o que identificaba o pobo galego, un pobo con dereitos, posibilidades e moita sensibilidade. Dende a miña posición así o fago sempre que podo. As palabras do poeta do Courel eran “¡Non perdamos a memoria de Galicia, non perdamos a nosa lingua!”, algo que hoxe, desgraciadamente, está a acontecer. Temos gobernantes que non son capaces de ver o que o Pai Sarmiento xa viu nu século XVIII, como xa teño recordado outras veces. Un adiantado para o seu tempo que  defendía a escolarización dos nenos na súa lingua materna. Agardo que a figura do Apalpador, que dende hai uns anos se está a recuperar no Nadal galego, non so veña para apalpar as barrigas dos nenos e deixarlles unha presa de castañas, senón tamén para deixar a semente do noso idioma e que cada día agromen novos falantes da lingua na que Manuel María escribiu os seus versos, do idioma no que Carlos Casares publicou as súas obras. Que o Apalpador que baixou das montañas de Lugo traia esperanza para un 2017 máis galego e así tamén desfrutar das mil primaveras para a nosa lingua que sempre pediu Cunqueiro.

Ruth Fernández

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS