Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 21.09.2017 Actualizado 20:28
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

noticias cotiás

Un Arde Lucus de lixo

RUTH FERNÁNDEZ  | 08.07.2014 
A- A+

Este ano 2014 a festa romana de Lugo, que atrae a gran número de turistas (nunha porcentaxe equiparable ao San Froilán), deixou un pouso diferente… O certo é que en días previos á conmemoración da fundación da cidade xa se notaban os efectos do que supoñía unha folga na recollida de lixo que se sufre aínda hoxe, case un mes despois. Agora que volvo a Lugo e vexo a imaxe que loce a urbe natal…

O calor que acompañou as xornadas do Arde Lucus fixo que resultase realmente repugnante transitar polo centro de Lugo, nunhas datas especiais para a urbe, deixando unha imaxe deplorable para os foráneos. Contedores que non podían albergar máis lixo, bolsas cheas de residuos ao seu carón, montañas de papeis, plásticos e restos de comida en papeleiras e lugares emblemáticos da cidade… Esas son as imaxes que levan os nosos visitantes dunha cidade que estaba de festa. Unha vergoña!

O Concello de Lugo e o seu alcalde debían ter feito todo o necesario por solucionar a problemática da folga e evitar que o cheiro a merda, falando claro, acompañase a vivencia desas tres xornadas lúdico- festivas. Os asistentes preocupámonos de honrar o pasado glorioso de Roma na nosa cidade, pero non gozamos das condicións ideais para o evento no que á salubridade e hixiene se refire.

Por riba de todo, o problema non remataba aí. O mal olor, as náuseas e a perigosidade por posibles infeccións seguen acompañando aos lucenses, que sofren a mala actuación política dun gobernante que elixiron en repetidas ocasións e que está a dar máis que falar do que se agardaba del, ao estar ademais involucrado en asuntos urbanísticos un tanto turbios… Os lucenses confiaron nel unha e outra vez, pero nesta ocasión o asunto fóiselle das mans: o lixo colonízao todo na urbe das Murallas, chea eses días de milleiros de persoas que, ataviadas con traxes inspirados na Roma imperial, invadían a cidade para reivindicar o pasado de César Augusto.

Como en cada convocatoria, espectáculos de gladiadores, circo romano, vodas celtas e romanas, bacanal, queima da muralla, teatro, danza, venda de escravos, clases de oraroria, etc. enchían o variado programa dunha festa na que un dos grandes atractivos é o desfile de lexionarios romanos e das tribos celtas. Dáselle a benvida ao Deus LVGH e aprovéitase para inmortalizar os momentos da festa, vestindo as roupas máis propicias para o evento. O malo foi que este ano non só foron elixidos os lugares emblemáticos da cidade para inmortalizar o desfrute da celebración, tales coma a escultura do fundador, Paulo Fabio Máximo, lembrando un arco do triunfo, á vez unha especie de túnel do tempo, entre a Catedral e o Concello, e xa convertido nun lugar de obrigada parada para os visitantes, senón que máis alá dos espazos típicos, a xente que estaba de paso por Lugo poñía o obxectivo da súa cámara no lixo e disparaba fotografías que nunca deberan terse inmortalizado, mentres se impregnaban dun cheiro que nada tiña que ver co almizcle ou a lavanda que debía acompañalos.

Esta fin de semana din que choverá. Agárdase esta chuvia como auga de maio, talvez sexa a única maneira de limpar todo o chan, todo o ar… nunha cidade que segue a amosar unha imaxe de abandono por parte do seu dirixente e que provoca que os viandantes xa vexamos ratas arredor dos contedores do lixo. Merecemos isto coa barbaridade de impostos que se están a pagar? Queremos solución xa!

Ruth Fernández

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS