Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Sábado 01.11.2014  | Actualizado 11.48

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A VOZ A TI DEBIDA

Un bico que deu a volta ao mundo

JORGE M. DE LA CALLE  | 20.08.2011 
A- A+

Madrid ferve estes días coa visita do papa Benedicto XVI. Asociacións laicas, de cristianos de base, de republicanos, gays e “indignados” claman contra o derroche que supón, mentres os seus partidarios da JMJ e Administracións varias louvan os supostos beneficios “espirituais” e económicos da súa estadía (apréciese a antítese de termos). Non podendo estar en Madrid agora mesmo, lembro a flashmob que tentei de organizar durante a súa visita a Santiago de Compostela o pasado 6 de novembro.


Santiago de Compostela e Barcelona foron tomadas eses días por policías. Na primeira seis mil, máis os que non nos contaron por vergoña (ou desvergoña), tocaba un para cada quince habitantes. Será que somos todos e todas os veciños ou visitantes habituales da vila compostelá uns radicais, uns insurxentes, uns terroristas de Estado??? Santiago viviu un auténtico "estado de excepción", sen esaxeracións, tomada por policías (o que máis se vía), curas, monxas, catequistas e catequizados (o segundo), e españolistas e papistas fanáticos (o terceiro máis abundante). Rexistráronme catro veces, a min e a calquer que quixese atravesar as barreiras policiais. Tiven que dar un rodeo do demo para chegar ao punto que escollera, o último tramo antes da Praza do Obradoiro, practicamente inaccesible para xs suspeitosxs de conspiración coma min, porque as rúas estaban case todas cortadas.


E fun con medo, moito medo, sen poder expresar en voz alta o que pensaba, sen poder reaccionar aos eloxios que marés de fundamentalistas cristiáns, mocidades do PP ou da Igrexa, adicaban a "súa santidade", convertida de súpeto nunha estrela do rock. Coma min, a cívica e pacífica vila de Compostela tivo que calar, recluírse na súa casa ou camiñar con sixilo, e aturar o peso esmagador da represión, a mordaza da liberdade de expresión, o prezo da "seguridade", vendendo a súa "liberdade" (aínda que non da súa propia seguridade, por suposto). A caspa invadiunos. Miles de Maripilis, Borjas e Cuquis, Pocholos e Lomanas asaltaron unha cidade antiga, fermosa e netamente galega como Compostela, traendo o seu cheiro a perfume caro, o seu Lacoste e a súa  pashmina, o seu bronceado de “solarium” e o seu sorriso profidén, amén de infindas bandeiras do Estado español e do Vaticano, nacionalismo español disfrazado de patriotismo barato, e fundamentalismo católico camuflado de caridade cristiá. 


Lexións de “pijos” e “pijas” incorrexibeis, señoras e señores da Opus Dei, incontabeis, gritando "Viva o Papa!" ou “Yo soy español, español, español...” (Elxs non sabían que o entoaban ao ritmo dunha polka rusa, pero na Praza de Galicia, onde máis dunha centea nos manifestabamos contra o papa, empregabamos a mesma melodía, con maior propriedade, para cantar un revolucionario e bolchevique “Ai papa, non, papa, non, papa, non!!! Ai non...”). Unha señora  ofrecía o seu fillo recén nado completamente exaltada, para que o papa o bendixese, mal que ben, a través da ventá do papamóbil, mentres a criatura se descolgaba, asustada; contábame un compañeiro; mentres, vía como un grupo de "maruchis" todas emperifolladas, que coido non terían comprometidos os seus aforros para ir ve-lo papa, que lanzaban eloxios axs antidisturbios, ao  tempo que estes sorrían, non ruborizadoxs, senón crecidos e inchados no seu ego testosterónico (que bos están, claro que si, e con que graza manexan o seu pau e o dan na cabeza do persoal, que estilo, que beleza ...); antes o fixeron cos marines españois, e serían quen de facelo con calquera macho ibérico. E, por todas partes, centeas de anciáns, lexións de excursionistas do IMSERSO, arelantes por axitar os seus rosarios, os seus crucifixos e as súas bandeiras vaticanas ao paso do papa móbil. Pero non todo era gloria, non todo era gracia, non todo era reverencia e submisión ao "Santo Padre".


Antes das once e media, hora en que o “sumo pontífice” chegaba ao aeroporto de Lavacolla, xa máis de cen persoas congregáronse para darlle a súa particular benvida. Convocados por Rede Feminista e  multiplicados polo boca a orella e pola vontade popular, levaron a liberdade de dicir o que se pensaba en voz alta a un pequeno anaco da cidade. No casco vello, tomado literalmente polos policías, era imposible. Pero os que saiamos de alí e pasabamos  por diante da Praza de Galicia, sentiamos entre envexa e emoción, e rematabamos traspasando o cordón de antidisturbios e de grileiras para expresa-lo que sentiamos. Os xornalistas agolpábanse ante nosoutros, desexosos de ofrece-la outra faciana da noticia, reprimida, aplastada, ante a monolítica e forzada parálise facial á que nos obrigaba o “medio ambiente”, isto é, a represión policial: un aceno entre o espanto e o noxo, entre a humillación e a impotencia. Alí se dicía en voz ben alta o que se pensaba: “Homófobos”, “Pederastas”, “Machistas”, “Galiza Laica”, “Imos queimar a Conferencia Episcopal”, e outros máis orixinais e festivos,“As monxiñas / tamén durmen xuntiñas”, “Na miña cona non manda ninguén”, “A Igrexa non nos deixa / comernos as ameixas”, e moitos máis cantos de lúdica liberdade.


Encoraxado por esta demostración de dignidade dos mozos e mozas composteláns (e non tan novos), e acompañado por un fotógrafo profesional dunha prestixiada axencia de fotografía internacional, enfilei o longo e tortuoso camiño ata o punto no que citara os participantes na flashmob. Atopei só dous fotógrafos, no último recanto do percorrido papal, pero coa sorte de que ambos pertencían a cadansúa axencia internacional, AFP e France Press. Eles gañaron unha  preciosa foto, que venderon ben, e saíu en deceas de páxinas de papel e de bits de todo o mundo; e os rapaces gañaron popularidade e recoñecemento entre os seus amigxs. Ou simplemente a satisfacción de pasar un pouco á Historia, durante uns segundos, por unha fugaz, pero bonita, forma de "protestar" ante o papa. Foi portada na edición nacional de Público, saíu na versión dixital de El Pais, e a través de AFP e FP, foi divulgada por medio  mundo, dende Xerusalén até Medellin, pasando pola Franza ou Portugal. Tamén a axencia de causas minorizadas Demotix a recolleu, con entrevistas aos seus protagonistas. 


O amor contra o fanatismo. Arco da vella fermosamente impuro sobre branco infectamente puro. Luz sobre escuridade. O trunfo do amor obscenamente transparente sobre a represión. Non querían que nos bicáramos nos seus narices e o fixemos. Pasou tan rápido, desprezando aos seus fieis, que levaban horas esperándoo, que case ninguén se fixou na estampa, pero os fotógrafos souberon inmortalizalo. Ninguén, ou case ninguén, reparou neles, pero foron os que mellor o pasaron, os que máis sinceiramente se expresaron, os que máis alto berraron, e dende máis fondo, de toda a muchedume.


Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS