Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.11.2017 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Un carneiro como excusa

JOAQUIM VENTURA  | 28.09.2016 
A- A+

O pasado domingo uns trescentos lexionarios retirados e simpatizantes da súa causa manifestáronse na Praza Maior de Madrid en contra da decisión do concello que preside Manuela Carmena de trocar o nome de Millán Astray dunha rúa polo de Avenida da Intelixencia. Unha decisión que responde á aplicación da Lei de Memoria Histórica. Unha manifestación que se engade á que o pasado marzo fixeron unhas mil persoas en Barcelona, tamén convocadas pola sección catalá da “Hermandad Nacional de Antiguos Caballeros Legionarios de España” contra a decisión do concello barcelonés de revocar a cesión gratuíta duns terreos no barrio de Sant Andreu. 

Estes terreos foron mercados ao ministerio de Defensa en 2004 polo consorcio da Zona Franca. En 2013 esta entidade –malia que a presidía Xavier Trias (CiU), o seu verdadeiro home forte é o delegado do Goberno, Jordi Cornet, do PP- cedeu temporalmente unha parcela de 5.000 metros á asociación de antigos lexionarios. Francamente, a un se lle fai difícil entender que actividades socio-culturais poden facer, como non sexa promover o militarismo e os valores máis rancios.

Sorprende aínda máis cando estas persoas argumentan a defensa de España e da Constitución por riba dos valores democráticos universais e da Lei de Memoria Histórica en particular. A coartada é que o xeneral Millán Astray fundou a Lexión e punto, nunha visión absolutamente acrítica –por non dicir sectaria e nesgada- da historia española recente.

Unha actitude que, dentro do que cabe, podemos esperar destes “novios de la muerte”, que non soen resultar moi lúcidos á hora de razoar ou de formular propostas intelectivas. Pero na mesma liña, hai unha revisión da historia de España desde ámbitos aparentemente non sospeitosos como serían certos xornais e algúns centros universitarios. Sería o caso da recentemente aparecida “Historia de La (sic) Legión española” (La esfera de los libros), obra subtitulada como “La Infantería legendaria. De África a Afganistán” polo seu autor, Luís E. Togores, actualmente director do departamento de Humanidades da Universidad CEU San Pablo (da cal foi decano e vicerreitor).

A coartada é a disciplina da historia militar, de mala prensa entre nós polas connotacións antipopulares que durante os últimos séculos tivo o exército español. Unha traxectoria que está ben lonxe da que poden amosar –malia todo- outros países veciños. Salvo honrosas excepcións, a historia militar española é para gardala no armario. Polo visto, para o profesor Togores non, xa que dedicou anteriormente os seus esforzos a persoeiros tan insignes como os xenerais Muñoz Grandes, Yagüe e Millán Astray, á División Azul ou a FET y de las JONS (ata 1990!!!). Tal dedicación non sería censurable a priori se non fose pola condición haxiográfica que aplica.

No caso que nos ocupa, o profesor Togores ten plena liberdade –non podería ser de outro xeito- para aplicar os criterios historiográficos que considere. Pero o que non resulta aceptable é que, a estas alturas, incorpore xuízos de valor favorables a aqueles que se ergueron en armas contra a legalidade republicana por moi censurable que fose a gobernación de Manuel Azaña en 1936. Os alzados en armas en xullo daquel ano non admiten –a vista dos seus actos represivos posteriores- a máis mínima consideración en tanto que colectivo (outra cousa son certas historias persoais).

Como tampouco é admisible que mentres narra con todo detalle accións de guerra relativamente insignificantes no Protectorado de Marrocos, esqueza absolutamente –repito: absolutamente- o lamentable suceso de Millán Astray –un dos fundadores da Lexión- no paraninfo da universidade de Salamanca o 12 de outubro de 1936, cando o primeiro recuncou nas palabras de Francisco Maldonado, un gris profesor de literatura, que consideraban a vascos e cataláns “o cáncer de España”.

Respondeu Unamuno, reitor da universidade, sen perder as formas e lembrando a condición de catalán do bispo- Pla y Deniel, alí presente- de vasco de el mesmo. Daquela disque Millán Astray botou o coñecido exabrupto de “Muera la inteligencia” que foi completado con vivas á morte por parte dos seus escoltas e algúns presentes. Unamuno seguiu o seu discurso con fina ironía e o argumento de que por causa da guerra habería máis mutilados (Millán Astray era manco) e que poucos deles tiveran a superioridade de espírito de Cervantes. O xeneral fixo amago de sacar a súa pistola pero a intervención de Carmen Polo de Franco (nada menos!!!) protexeu a Unamuno de calquera hipotética agresión.

A historia non se pode reescribir e menos aínda vindicando accións incualificables ou esquecéndoas. E actuacións contemporáneas en favor da paz e da solidariedade internacional –con mandato de gobernos democráticos- non serven para limpar páxinas pasadas de desprezo pola vida de compatriotas como o que amosou a Lexión en Asturias en 1934 ou ao longo da guerra civil. E o carneiro non ten a culpa.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS