Hemeroteca web
|
RSS
Sábado 25.05.2013
| Actualizado 11.58
Nun momento no que a clase política está fondamente cuestionada, máis alá dos brindis ó sol de a diario bótase en falta un chisco de autocrítica. Fagamos un pouco de historia. A palabra funcionario significa "empregado da xente". Na Grecia Antiga, dependendo do cargo a ocupar, unha parte dos funcionarios eran elexidos por votación e outra por sorteo. Ós cargos electos por votación ía parello frecuentemente o manexo de importantes sumas de cartos para a administración do estado, e por ende o aval do seu patrimonio para o caso de desfalco ou irregularidades. Amáis de estaren sometidos a un continuo análise das decisións tomadas, e do preceptivo exame previo que garantise as súas aptitudes. Un tipo sospeitoso de prepotencia, autoritarismo ou afán de lucro, era descartado. En definitiva, unha especie de proba psicotécnica coma as que cómpre superar hoxendía para a práctica dalgunhas profesións. Non chegaba o dominio da técnica, os coñecementos. Era indispensable asegurar o bon facer do funcionario en cuestión. Os cidadáns podían participar da vida pública e os cargos non eran vitalicios. Unha das premisas básicas era evitar a acumulación de poder.
Ninguén dubida que o exercicio da política converteuse, máis ca nun servicio á xente, como unha profesión, moi ben remunerada nos cargos de máis responsabilidade. Sen cuestionar os ingresos que por dito exercicio están estipulados, si nos sorprende o escaso control ó que están sometidos, a diferencia doutros empregos. Hai colexios de arquitectos, de avogadas, de médicos, de xornalistas…, por que non un colexio de políticos, independente dos propios partidos? Sería unha boa forma de crear un código deontolóxico e obrigalos a cumprilo. Se a infracción é grave, expediente ó canto. A salvo as accións legais pertinentes, encamiñadas a propiciar a conciencia profesional.
E falando de conciencia, que lles parece o do Códice Calixtino? Róubannos os xornais, o Día das Letras Galegas, e agora esto. Dentro de pouco levaránnos os percebes á lagoa do Retiro madrileño, e a Pedra de Abalar a Albacete. O mellor de todo foi o helicóptero sobrevoando a catedral, como contratar unha excavadora para carrexar ovos. Mágoa non aparecer os deáns descendendo, gafas de sol a xogo coa sotana, por cordas penduradas desde o máis alto da catedral, emulando a Tom Cruise. Mágoa tamén non ocurrírselle quitar as chaves da vitrina onde se gardaba o tesouro. Houbo xa teorías apuntando que a culpa de todas as desaparicións, a do códice, e incluso a do verán, a teñen os nacionalistas… Miña terra galega, onde o ceo é sempre gris…. Viva Sinieeestro Total!
Diana Varela Puñal
