Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 21.09.2017 Actualizado 20:28
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Un crime para ilustrar a historia

JOAQUIM VENTURA  | 07.06.2017 
A- A+

Calquera que teña intentado escribir unha novela situada no pasado –nin que sexa dez anos atrás- sabe (ou ten que saber) que é ben doado caer en anacronismos. A memoria, por cerca que estea un feito, é traidora moitas veces. Por exemplo: seríamos capaces –cada un de nós- de saber cando pasamos do teléfono móbil sinxelo ao intelixente? Ou cando deixamos de empregar sms en favor de whatsapp? E apenas pasaron uns poucos anos.

Por iso é un auténtico reto situar unha novela de intriga cando a primeira metade do século XIX español estaba a piques de rematar, como vén de facer Miguel Izu con El crimen del sistema métrico decimal (Berenice). Polo fondo da acción en primeiro lugar, cando o Congreso dos Deputados estaba a debater a adopción en España do sistema métrico decimal, e pola forma dada ao protagonista, un policía dos primeiros que poderíamos considerar modernos (condición civil, método dedutivo, procura de evidencias con criterios científicos).

Construír eses perfís precisa duns coñecementos históricos polo miúdo que non sempre resultan fáciles de acadar. Pero a habelencia que Miguel Izu amosa nesta novela non é casual. Profesionalmente, é vocal do Tribunal Administrativo de Navarra e profesor de dereito administrativo. Como xurista, ten unha brillante carreira polos seus estudos relativos ao réxime político navarro, algúns dos cales obtiveron importantes premios. E como político, demostrou sempre unha coherencia á marxe do sectarismo ideolóxico: militou no Partido Carlista entre 1976 e 1988, e en Esquerda Unida de Navarra desde 1993, forza pola cal foi concelleiro en Pamplona e parlamentario foral.

Esta novela sitúase cando o goberno de Juan Bravo Murillo defendía a instauración en España do sistema métrico decimal. Unha opción que tiña que superar os atrancos atávicos de tantos sistemas de medición (lonxitude, extensión, peso e capacidade) como había daquela en España, con variacións dentro dos antigos reinos e incluso dunha comarca a outra. Tal medida unificadora tiña que favorecer a unidade de mercado e, con criterio científico, establecer a modernización das estruturas viarias. Non esquezamos que a anchura das vías ferroviarias españolas foi imposta en 1844 polo informe Subercase coa medida de seis pés casteláns para vencer futuras complicacións orográficas, sen previsión de que uns anos despois as locomotoras aumentarían a tracción (Suíza non tivo nunca ancho de seu senón o europeo).

E arredor dos intereses contrarios que podería acordar a implantación do sistema métrico sucede a acción da novela, comezando por un atentado contra Bravo Murillo e o deputado que ten que defender a nova lei de Pesas e Medidas. Será tarefa do comisario Pedro Arróniz aclarar quen pode estar implicado e superar os atrancos que desde diversas instancias oficiais, poñerán para que a verdade non saia á luz.

Pero esta novela tamén é un reflexo da miseria política española nos anos de Isabel II. Nula modernidade –en comparación con outros países europeos- e sen máis horizonte que o beneficio inmediato duns poucos malia certas medidas aparentemente xustas (como a desamortización dos bens eclesiásticos). Anos de inestabilidade polas guerras carlistas, pola pobreza secular, pola hexemonía eclesiástica e militar, e pola continuidade dunha monarquía cada vez máis decrépita.

Tal vez por iso o lector de El crimen del sistema métrico decimal agradecerá as informacións que o autor dá daquela época. Unha historia, a nosa, frecuentemente descoñecida a causa da propia abulia dos seus protagonistas. Porque así como Jaime Gil de Biedma sostiña que de todas as historias, a de España é a máis triste porque sempre remata mal, conviría facer extensivo ese aforismo a que vistas as penurias políticas daqueles gobernantes, non podía rematar doutra maneira.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS