Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 23.04.2018 Actualizado 13:56
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Un deputado do BNG rompe o retrato do rei contra a interpretación "represiva" dos delitos de odio

O PP responde facendo o propio con outra fotografía na que aparecen tres membros do Bloque con Arnaldo Otegi

Luis Bará rompendo o retrato do Rei no Parlamento galego - FOTO: PEPE FERRÍN
Luis Bará rompendo o retrato do Rei no Parlamento galego - FOTO: PEPE FERRÍN

SANTIAGO. EP  | 11.04.2018 
A- A+

O deputado do BNG Luís Bará rompeu un retrato do rei Felipe VI no pleno do Parlamento galego, durante a defensa dunha iniciativa en contra da interpretación "represiva" dos delitos de incitación ao odio e enaltecemento do terrorismo.

Bará, que foi alto cargo do Goberno bipartito de PSdeG e Bloque, tamén reclamaba solicitar ao Goberno central a derrogación da lei de seguridade cidadá, a coñecida como "lei mordaza".

Ningún dos dous puntos saíu adiante xa que o PPdeG, grupo maioritario na Cámara, votou en contra. O PSOE galego, que propuxo unha emenda coa que pretendía que só se demandase a derrogación da lei de seguridade cidadá, apoiou este punto, pero votou en contra do primeiro.

Nunha intervención marcada pola colocación dunha bandeira 'estreleira' sobre a tribuna, o parlamentario do BNG defendeu, mentres mostraba dúas fotografías do rei, que romper "este retrato" non é un delito, senón unha metáfora do que debe ser "o ABC da democracia" e alegou que non a podía queimar por estar "nun espazo pechado".

O nacionalista facía referencia a principios como a liberdade de expresión e o pluralismo, aludindo á condena a España por parte do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) en relación aos mozos cataláns Jaume Roura Capellera e Enric Stern Taulats.

A Audiencia Nacional impuxera a estes dous mozos 15 meses de cárcere en 2008 por un delito de inxurias á Coroa --unha pena que foi substituída por multa de 2.700 euros-- por queimar unha foto da Coroa tras unha manifestación en Xirona e Estrasburgo terminou condenando a España por isto.

"O NOVO JAMES DEAN DO NACIONALISMO"
Na súa quenda, o popular Alberto Pazos chamou a Bará "o novo James Dean do nacionalismo galego", ao que este replicoulle no peche que é "máis de James Bond" e, "seguindo co símil cinematográfico", equiparou ao deputado do PP con Danny DeVito.

Para Pazos, a proposta do Bloque pretendía que "o lexislativo impoña o seu criterio sobre o xudicial", polo que a rexeitou, instando os nacionalistas a "deixar traballar aos tribunais".

Ante os "paripés" de Bará coas fotografías, ademais, o parlamentario do PP respondeu con outra imaxe, na que saen retratados os membros do BNG Noa Presas, Luís Bará e Rubén Cela con Arnaldo Otegi.

Alberto Pazos rompeu esta foto aseverando que "nun lado están os demócratas e doutro lado están os terroristas", tras o que retou a Luís Bará a facelo el tamén: "Mentres non a rompa, non lle admitimos nin unha soa lección", resolveu.

"ESPAÑA, UN ESATDO DE EXCEPCIÓN"
Pola súa banda, Bará tachou a España de "estado de excepción" e "autoritario", onde, segundo asegurou, "non hai separación de poderes nin garantías democráticas". "Son o ridículo e a desvergoña no mundo", sentenciou. "Estanllo dicindo todos os días", apostilou.

Nesta liña, dixo a Pazos que os populares "poden" acusarlles "do que queiran", xa que "non lles cre ninguén". "O problema do Estado español é que non dá a talla a nivel europeo, non está á altura dos estados normalizados e consolidados. Están a competir con Turquía para ocupar os primeiros postos do ranking de estados que perseguen e reprimen dereitos fundamentais", resolveu.

"FRANQUISMO SOCIOLÓXICO"
En representación de En Marea, que si deu o seu respaldo aos dous puntos do texto, Carmen Santos cargou contra o "franquismo sociolóxico" que "habita" nas "bases electorais e ideolóxicas" do Partido Popular.

A líder de Podemos en Galicia tamén reivindicou a liberdade de expresión en democracia, mentres achacaba "man de ferro" aos populares, "sobre todo" cando gobernan en maioría.

"RETROCESO DE LIBERDADES"
Mentres, a socialista Patricia Vilán viu "indubidable que se vive nunha época de retrocesos de liberdades" e sinalou en concreto á lei de seguridade cidadá como "o mellor exemplo".

Con todo, en defensa da "diferenza" entre os poderes do estado, resaltou que o seu grupo presentaba unha emenda --que non foi aceptada polo BNG-- coa que limitaba o texto á retirada da coñecida como 'lei mordaza'.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS