Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 11.12.2019 Actualizado 19:33
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Un estudo constata a discriminación da muller no audiovisual e no teatro galegos

O informe elaborado polo Consello da Cultura reflicte a brecha salarial e unhas maiores esixencias relacionadas co físico e a idade

A presidena do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, coa secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo (na primeira fila, na presentación do traballo, á que asistiron os representantes de todas as entidades que impulsaron a súa realización: Academia Galega do Audiovisual, Escena Galega, Asociación de Actores e Actrices de Galicia Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. - FOTO: CONSELLO DA CULTURA GALEGA
A presidena do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, coa secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo (na primeira fila, na presentación do traballo, á que asistiron os representantes de todas as entidades que impulsaron a súa realización: Academia Galega do Audiovisual, Escena Galega, Asociación de Actores e Actrices de Galicia Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. - FOTO: CONSELLO DA CULTURA GALEGA

SANTIAGO. EP  | 08.10.2019 
A- A+

Un informe constata a masculinización do sector das artes escénicas e o audiovisual. O estudo reflicte a discriminación que persiste cara á muller nestes ámbitos, tanto no relativo aos salarios, as esixencias respecto da idade e ao físico e unha maior temporalidade na situación laboral en función do xénero dos profesionais, aínda que tamén unha tendencia positiva e un cambio de actitude dos profesionais co paso do tempo.

O Consello da Cultura Galega (CCG) elaborou este traballo pioneiro en Galicia e dos poucos existentes en todo o Estado, tralo encargo da Xunta e a demanda trasladada por parte das asociacións que representan aos traballadores do sector. O documento, segundo explicou en rolda de prensa Hakan Casares, responsable do Observatorio da Cultura, foi elaborado a través de datos das vidas laborais como de entrevistas persoais a profesionais do sector de ambos os sexos.

Entre as principais conclusións do informe destaca a evidente masculinización destas profesións: o 42 por cento dos traballadores son mulleres, aínda que tamén se constata unha tendencia cara á equiparación entre o peso de ambos os sexos nos últimos anos.

O sector cultural representa o 3,5 por cento do emprego total e case a metade deste concéntrase no sector audiovisual e das actividades de creación, artísticas e de espectáculos. A pesar da crecente dimensión e importancia destas profesións no mercado, o número de homes é significativamente maioritario, sobre todo nas artes escénicas (un 67%), mentres no resto de campos a distribución é máis parella entre xéneros.

Os datos tamén reflicten unha maior precariedade no caso das mulleres, con altas esporádicas na Seguridade social e contratos temporais fronte a períodos máis prolongados no caso dos homes. Así mesmo, queda patente a maior dificultade e a esixencia para o sexo feminino, sobre todo a partir dos 55 anos.

O informe indica que un 21 por cento de homes contan con máis de 10 anos traballados fronte a un 11 por cento das mulleres, unha diferenza que se dispara a media que sobe a media de idade e que reflicte unha maior esixencia respecto ao físico. De feito, no audiovisual a idade adquire unha gran importancia en relación o resto de sectores.

Ademais, os homes ascenden de categoría en maior medida que as mulleres, onde cobren a maioría de postos intermedios e de carácter administrativo, respectivamente. Os postos de alta dirección, con todo, contan con menos diferenzas de xénero, unha conclusión que o estudo achaca ao alto nivel de formación e estudos superiores no caso das mulleres.

BRECHA SALARIAL
As entrevistas realizadas para a elaboración do estudo revelan que as mulleres que ocupan postos de poder adoitan ser emprendedoras, que existen postos de traballo de máis difícil acceso e unha sensación de discriminación respecto ao recoñecemento das súas capacidades, sobre todo naqueles de carácter técnico.

As cifras solicitadas durante a investigación tamén constataron unha realidade que se repite no mercado laboral, e é que queda patente unha diferenza significativa dos ingresos percibidos en función do sexo, sobre todo nas escalas de retribucións máis elevadas. O estudo reflicte que os homes son maioría nos grupos de ingresos máis elevados, mentres que as mulleres o son entre os máis baixos.

A falta de experiencia adoita ser unha das xustificacións para percibir unha menor remuneración, segundo trasladaron as profesionais entrevistadas, que se materializa en cachés máis baixos e en empregos en categorías inferiores.

Doutra banda, esta análise cualitativa reflicte a pervivencia e metodoloxías e dinámicas herdadas das orixes do teatro profesional galego, unha situación que cambiou a medida que se crearon novas compañías con formulacións que apostan pola revisión dos modelos clásicos e que xa non están dirixidas unicamente por homes, polo que se favorece a un cambio de paradigma.

CASOS DE ACOSO
O documento tamén sinala as dificultades de conciliación como unha traba para o acceso a postos de traballo e á promoción no sector e reflicte que se produciron denuncias de casos de acoso sexual e laboral de diferente índole.

Presións, descrédito, desprezo verbal e insultos son algunhas das denuncias trasladadas por parte dos entrevistados no estudo, ademais de comentarios sexistas, fotografías ou vídeos sen permiso e abuso de poder.

Os entrevistados sinalaron, ademais, a necesidade de revisar os contidos desde unha perspectiva de xénero durante o proceso creativo para que a sociedade poida sentirse representada cos produtos audiovisuais e escénicos, posto que estes actualmente non reflicten a diversidade real.

A pesar destas denuncias e da importancia de aplicar un cambio, o informe tamén percibe un cambio de actitude e de toma de conciencia tanto cara aos casos de acoso e sexismo como en canto á perspectiva de xénero no sector, aínda que puntualiza que aínda será necesario unha perspectiva temporal para avaliar correctamente esta evolución unha maior igualdade entre sexos.

A responsable da sección de Artes Escénicas do Consello da Cultura, Dolores Vilavedra, destacou que estas conclusións constatan cuestións que "xa se sabían", pero que agora se poden "argumentar con datos empíricos e cuantitativos".

Neste sentido, o estudo corrobora os resultados doutros informes realizados a nivel estatal, nos que se alertaba da menor presenza de personaxes femininos respecto dos masculinos, unha maioría de homes en postos de responsabilidade ou que unicamente o 22 por cento dos espectáculos programados en salas de xestión estatal ou autonómica estaban dirixidos por unha muller.

MEDIDAS NECESARIAS
A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, advertiu de que este traballo debe ser "un punto de partida" e que "non vale por si mesmo", senón que se trata dun diagnóstico que debe contar coa súa propia "terapia" e medidas tanto desde o sector como da propia administración autonómica.

"Hai que axudar a crear cohesión e máis estabilidade nestes sectores", considerou, para asegurar que "canto menor" sexa a discriminación "máis forte será o sector cultural galego" e, en definitiva, "a cultura galega".

Desde a Xunta apelaron á análise sosegada dos datos. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, asegurou que este documento debe ser "un elemento de reflexión" para o traballo conxunto da Administración e das entidades profesionais, aínda que valorou que se perciba unha "evolución positiva" dentro da necesidade de mellorar.

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, asegurou que a Xunta vai traballar para "pór medidas sobre a mesa" por mor deste estudo e "dar pasos" para solucionar os problemas, aínda que lamentou que persistan casos "de discriminación de xénero ou falta de corresponsabilidade". "Xa abonda", insistiu.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS