Hemeroteca web
|
RSS
Domingo 26.05.2013
| Actualizado 02.18
Á BEIRA DO LIDO
‘Un libro para coñecer. Un libro para se coñecer’
XAVIER CASTRO RODRÍGUEZ | 18.07.2012
Todos os libros de Ricardo Martínez-Conde son intensos universos compartidos. En cada un, a cortiza que os recobre está feita de hálito humano, de materia moi sensible, é dicir, de madeira agradecida, lene e suave no tacto.
Temos percorrido co poeta estruturas diferentes en cada nova entrega (a liña poética, as secuencias líricas, a ollada reflexiva, o relato, o haiku medido…) xa en galego, xa en castelán e, en cada final, permanece o pouso do novo traballo que virá; esa viaxe rematada que calla no libro editado e que presaxia unha nova partida que terá como destinatario o lector que significa afirmar a máis alta cualidade do acto comunicativo.
A coidada edición da Editorial Trifolium tráenos, coma un agasallo pracenteiro e saboroso un novo volume da colección ‘Litterae’, no que Martínez-Conde retorna polos camiños (ás veces congostra difícil) do aforismo (‘Ecos da néboa’), unha fórmula que é mester manipular con respecto pola súa fraxilidade (as cousas da palabra son moi sensíbeis), un produto moi delicado que cómpre tratar con precaución e que só é dúctil e maleábel nas mans do artesán que ben coñece a súa resistencia.
Para a ocasión, o prologuista Anxo Tarrío Varela, ofrece o xuízo máis acaído: “Martínez-Conde ofrécenos agora algo que se viña decantando en cada un dos seus libros como zume cristalino deitado en alambique serpentín, pinga a pinga, pausadamente, con mirada paciente e penetrante…”.
Historias contadas entre unha e cinco liñas que son compendios da introspección proxectados para os demais; un eido labrado pola sutileza e a chiscadela cómplice, un acto literario coherente e preciso ateigado de xenerosidade co lector que, en máis dunha ocasión, retornará a ollada sobre a elegancia do expresado polo poeta e pensador, que aquí os factores non alteran o produto.
Fica para nós o valor de cada palabra que ocupa o seu espazo máis axeitado; a dozura do escrito… Todo breve e conciso como este discorrer dos ecos da néboa.
© 2013 www.galiciahoxe.com
Todos os dereitos reservados. Prohibida a
reprodución total ou parcial do contido sen a
expresa autorización do propietario.