Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 20.05.2018 Actualizado 12:20
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Un milleiro de persoas maniféstanse en Santiago pola "xustiza salarial" para policías e gardas civís

A Asociación que reclama a equiparación entre corpos inicia unha serie de marchas polas cidades galegas

Manifestación en Santiago pola xustiza salarial policial - FOTO: FERNANDO BLANCO
Manifestación en Santiago pola xustiza salarial policial - FOTO: FERNANDO BLANCO

SANTIAGO. EP  | 14.02.2018 
A- A+

Ao redor dun milleiro de persoas, entre elas numerosas familias, secundou este mércores a manifestación convocada pola "xustiza salarial" para policías e gardas civís.

A marcha, convocada pola asociación Jusapol (Xustiza Salarial Policial), saíu ás 17,00 horas da Alameda compostelá e percorreu varias rúas do Ensanche de Santiago, para concluír na praza do Obradoiro.

Cargados de bandeiras de España, pero tamén algunha de Galicia, da Unión Europea e até da Comunidade de Madrid, os manifestantes esixiron "equiparación xa" entre as forzas e corpos de seguridade do estado (corpo nacional de policía e garda civil) co resto de corpos policiais, ao denunciar que cobran de media uns 600 euros brutos ao mes menos que policía autonómica e algunhas policías locais.

En declaracións aos medios de comunicación antes de arrincar a protesta, o portavoz do colectivo en Santiago, Pablo Vales, esixiu que as administracións lles "poñan as cousas claras" e déixenlles " de enganar", debido a que até agora non lles quixeron " recibir" e só se reúnen cos sindicatos, "que son os maioritarios que conforman a mesa de negociación".

Até agora, esta asociación, no conxunto estatal, celebrou xa varias manifestacións, entre elas Madrid e Barcelona, e ten por diante un calendario de 52 manifestacións en toda España. En Galicia empeza en Santiago e continuará por Pontevedra, Lugo, A Coruña e Ourense.

"Entre outras cousas, tamén temos diferenzas en canto á paga das horas extraordinarias, á xubilación os nosos veteranos perden ao redor duns 300-400 euros, cousa que non pasa coas policías autonómicas; non nos pagan a asistencia a xuízos, que non deixa de ser unha declaración de fe do noso traballo, e tamén as extraordinarias que non as pagan dobre", agregou este portavoz.

PSOE, Cs e UPyD

Representantes de partidos políticos, entre eles o PSdeG, Cidadáns e UPyD, así como alcaldes da comarca apoiaron a cita.

Tamén en declaracións aos xornalistas, a secretaria de xustiza da executiva do PSOE galego, Pomba Castro, acompañada na marcha polos rexedores de Ames e de Oroso, mostrou o apoio do seu partido a estes policías e gardas civís, algo que enmarcou no nivel estatal.

En Galicia, apuntou, os socialistas tamén presentaron iniciativas no Parlamento a favor destas "persoas que garanten" a seguridade, así como en distintos concellos. Sobre as diferenzas salariais, sentenciou que "non se pode consentir" e reclamou un soldo "digno" para eles.

PRESUPOSTOS
Os orzamentos xerais do Estado, segundo engadiu, deben "recoller esa equiparación salarial, da forma progresiva que está a pedir a asociación".

Sobre o feito de que o PP condicione a saída adiante das contas á resolución deste problema, dixo que "a dificultade para xestionar de Rajoy non pode agarrarse a que unha partida puntual sexa ou non apoiada polo Partido Socialista". "Non nos pode pasar a nós a pelota", resolveu.

COMPROMISO POR GALICIA
Pola súa banda, a formación Compromiso por Galicia viu "unha manobra política de populismo" en Cidadáns, ao "pedir o pronunciamiento da Cámara galega sobre a equiparación salarial das forzas de seguridade do Estado, coma se fose competencia de Galicia".

Aínda que precisa que esa equiparación é "xusta", denuncia esta proposta como "unha nova agresión ás competencias" da comunidade por parte "dos partidos conservadores", e reclama a creación e posta en marcha de "a policía galega", avanzando no Estatuto de Autonomía.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS