Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 21.09.2017 Actualizado 20:28
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

NOTICIAS COTIÁS

Un San Froilán para esquecer…

RUTH FERNÁNDEZ  | 22.10.2012 
A- A+

Este ano as festas patronais de Lugo, consideradas como as máis grandes de Galicia, non foron da calidade que tiveron noutrora. É certo. Está a maldita crise para xustificar os erros cometidos na elección das actuacións, na elaboración dun programa festivo que mesmo podemos calificar de ‘lamentable’. Por iso pido desculpas, dende aquí, por animar con tanto fervor aos meus lectores a que se achegasen a Lugo a desfrutar da mellor festa do outono. Este ano non o foi. I’m sorry.

Dirixiríame incluso ao Sr. Bao e diríalle que se fora da organización dos festexos de San Froilán. Poderá cumprir con nota outros cometidos, pero o da comisión de festas non é o seu. Por segundo ano consecutivo sufrimos as consecuencias dunhas decisións nefastas para Lugo. O programa de actos foi de pena, con todos os respectos para a xente que actuou. Pero na urbe das Murallas estamos afeitos a outra cousa, a un nivel superior no San Froilán. Contamos no pasado, en anteriores convocatorias, con La Oreja de Van Gogh, Álex Ubago, Julieta Venegas, Amistades Peligrosas, Orishas, Sergio Dalma, Estopa, Mägo de Oz, El Sueño de Morfeo, Melendi, Luar na Lubre, Cristina Pato, Carlos Núñez e un moi longo etcétera.

Levamos dous anos cun programa que inclúe o menos agardado polos lucenses. Por riba diso, cando o prato forte situaba a Carlos Jean na primeira liña, unha mala xestión fai que se anule a actuación a se substitúa a súa presenza nada máis e nada menos que polas Nancys Rubias, con Mario Vaquerizo ao fronte. Ese foi entón o prato forte das patronais, sumándose á singular actuación do Dúo Dinámico. Ver para crer! A quen se lle conte…

Non só nos vimos perxudicados os lucenses, os primeiros destinatarios da ‘Grande festa de Galiza’, como se adoita anunciar, senón tamén o resto do país, que este ano deixou de desprazarse en masa á urbe bimilenaria para mergullarse na que, ata hai ben pouco tempo, se tiña como a mellor festa do outono, declarada ademais de interese turístico galego e nacional.

O sábado 6 á noite, véspera do Domingo das Mozas, cando outros anos os locais estaban ateigados de xente que desfrutaba da festa, misturándose oriúndos e foráneos, os locais de copas estaban medio baleiros. Polo feiral andábase sen dificultade. Eramos menos os que viviamos o San Froilán. Está claro que se o programa non é atractivo, a xente non se despraza. Para que encher o depósito do coche? Cómese o polbo, dase un voltexo polo feiral e pouco máis. Estamos en crise. Si. Dende logo. Pero o programa tampouco convidou a que a xente de fóra fixese turismo gastronómico estes días. No pasado, algúns concertos dos citados fixeron que se desprazasen a Lugo moitas persoas, Quen non se lembra tamén da multitude congregada coa chegada de Carlinhos Brown? A xente chega á cidade, come, cea, pernocta… fan turismo na cidade e arredores. Pero se seguimos na liña deste ano, non.

Un erro? Van dous anos seguidos. Que non haxa un terceiro así, por favor. Esta é unha súplica compartida. Somos moitos os que vimos nesta organización un auténtico desastre. Como permitir que unhas festas desta sona teñan como actuación estelar, ao seu peche o 12 de outubro, a da orquestra Panorama? Non é de recibo. Esta, ademais, foi unha actuación coa que se contou grazas aos hostaleiros da zona de Augas Férreas, e que tivo o seus máis e os seus menos: comezou con tres cuartos de hora de retraso, algo inaudito. E nos arredores dos xardíns semellaba máis unha noite de botellón que outra cousa. Por que se segue a permitir unha práctica así? Sr. Alcalde, tome nota do Concello de Santiago de Compostela, que agora prohíbe con multas que poden chegar a superar os setecentos euros o feito de beber na rúa. É unha medida que debía extenderse a todas as cidades.

Moita xente congregada en Augas Férreas, si, pero quen bailaba? Que mágoa, a xente quedaba petrificada diante dunha orquestra que, a cada pouco, reclamaba a atención do público para facerlle unha ovación, outros estaban máis pendentes de contestar mensaxes de wasap, mentres que eramos unha minoría sos que nos moviamos ao son da música.

Outro dos erros foi a nova ubicación dos postos de venda de artesanía africana, bolsos de imitación, etc. na avenida de Ramón ferreiro. Quedaban bastante descolgados dun feiral que este ano tivo dende o comezo aberta a polémica, ao ter que diminuír o volume da música pola noite. Fala a xente e di que ata a mítica tómbola do xamón decidiu non asentarse este ano ao saber da medida de minimizar o ruido nas proximidades ao Parque Rosalía de Castro. E o cheiro da graxa, do aceite requeimado dos churros? Non molestaba tamén ese olor ao pasar polo feiral, moito máis que o volume da música? En fin, que este ano o San Froilán amosou a súa cara menos amable. Agards que axiña volva a recuperar o que foi no pasado, por algo ten a fama.

Ruth Fernández

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS