Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 09.12.2019 Actualizado 23:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

DISOBBEDISCO

Un século da aventura de Gabriele d’Annunzio en Friume

No ano 1937 D'Annunzio foi á estación de Verona para encontrarse con Mussolini - FOTO: WIKIPEDIA
No ano 1937 D'Annunzio foi á estación de Verona para encontrarse con Mussolini - FOTO: WIKIPEDIA

JOAQUIM VENTURA  | 18.11.2019 
A- A+

Se viaxamos pola rexión italiana de Friul-Venecia Xulia é doado decatarse das consecuencias territoriais que supuxo o remate da Primeira Guerra Mundial. Aquel conflito non so obrigou a refacer os mapas pola desaparición dos imperios que dominaban Centroeuropa senón que puxo a proba o encaixe dos novos estados emerxentes verbo dos xa existentes. E iso foi o que sucedeu cando pasaron a Italia territorios que formaran parte do imperio dos Habsburgo.

Territorios que pertenceran á República de Venecia e a Austria-Hungría.. Había daquela, naquel 1919, un sentimento irredentista por aqueles territorios nos cales a pegada veneciana –e italiana culta- resulta evidente e que, segundo o Tratado de Londres (1915), en caso de derrota austríaca pasarían a Italia, cousa que axudou á entrada deste país na contenda.

Rematada esta, o Tratado de Saint-Germaine-en-Laye estableceu que as zonas de poboación eslovena e croata pasarían a formar parte do novo Reino de Iugoslavia e declaraba –coa protección da Sociedade de Nacións- a condición neutral do Estado libre de Fiume/Rijeka, de lingua maioritariamente italiana pero de alma eslava. Fiume era un porto importante e elo imprescindible na liña ferroviaria que unía Praga con Belgrado.

A incorporación a Italia de Trieste (terra vinculada aos Habsburgo desde o século XV) supuxo unha auténtica “limpeza étnica” contra a poboación eslava e outra “limpeza toponímica”, coa substitución dos nomes (na versión véneta local) das rúas e prazas.

Nun arrouto nacionalista, o poeta Gabriele d’Annunzio comandou un destacamento de militares de baixo rango, que co apoio de irredentistas italianos locais, ocupou o territorio de Fiume en disputa e mantívose en contra do goberno de Roma, que aceptara os novos territorios como mal menor. Daquela, este escritor xa era visto como un heroe pola súa participación na guerra como aviador (foi famoso o seu voo propagandístico sobre Viena) e os seus contactos cos Arditi, as tropas de elite da monarquía italiana.

Aquela ocupación, comezada en setembro de 1919, derivou nunha declaración de guerra a Italia cando un ano despois Roma asinou o Tratado de Rapallo, que establecía as fronteiras con Iugoslavia. Rematou, tras o chamado “Nadal de sangue” (150 mortos e 200 feridos), coa rendición ao exército italiano e a desmobilización dos insurxentes.

Aquela aventura ven de ser lembrada nunha espléndida exposición, Disobbedisco, organizada polo Concello de Trieste. Unha mostra que non so recupera a memoria daqueles feitos senón que tamén reflexiona sobre a revolución social que supuxo aquela rebeldía fronte a Roma, as oligarquías económicas e contra a propia monarquía.

De feito, a derradeira resistencia contra o exército enviado polo goberno de Roma tivo como lema “Abaixo Vítor Manuel III. Viva a República italiana”. Naquela resistencia tivo o apoio aberto duns dos primeiros Fasci di Combattimento, moitos de cuxos membros procedían do Partido Socialista.

Amais da dimensión heroica que se lle outorgaba a D’Annunzio, aquel goberno que se sentía como independente non foi alleo á estética. E así preséntao Giordano Bruno Guerri no catálogo da exposición que comentamos. Malia a condición decadentista do poeta de Pescara, a empresa de Fiume foi vista polas vangardas europeas como un acto de ruptura co statu quo que as potencias vencedoras na guerra estableceran. Dalgún xeito, e nunha dimensión estética, foi considerada como unha ruptura libertaria coa tradición. Especial apoio foi o prestado por Adolfo De Carolis a D’Annunzio -con quen colaborara anos atrás- especialmente na elaboración de medallas e diplomas conmemorativos, e polo triestino Guido Marussig, xa que logo na elaboración de selos de correos e monumentos.

Pero esta aventura tamén tivo unha importante vontade social. Pero mentres os obreiros italianos se mobilizaban no chamado “bienio vermello”, D’Annunzio promoveu unha “revolución nacional” contra as oligarquías pactistas, nun proxecto de Estado corporativo. Para iso, a Carta do Carnaro (feita por D’Annunzio e Alceste de Ambris) actuou como constitución: un líder forte e diversas corporacións profesionais e de traballadores. Un modelo que un tempo despois defendeu o primeiro fascismo. Isto facilitou o posterior achegamento de D’Annunzio ao mesmo, camiño que non seguiu De Ambris, que non dubidou en cualificar a este movemento como “peón sucuo”.

En calquera caso, a empresa de Fiume foi posiblemente a derradeira aventura dunha confluencia entre armas e letras en Europa.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS