Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 18.10.2017 Actualizado 21:16
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

TESE DE DOUTORAMENTO

Un sistema ideado na Universidade de Vigo permite a inspeción de toda a produción de patacas

Detecta enfermidades como a sarna común, o verdeo, a podremia seca e o corazón oco

OURENSE. ROSA TEDÍN  | 12.07.2011 
A- A+

Polas súas especiais repercusións na saúde humana, a calidade na industria alimentaria é unha cuestión fundamental na que as entidades públicas e privadas traballan de xeito permanente. Na busca de produtos cunha calidade cada vez máis alta e garantida, as novas tecnoloxías están xogando un papel destacado. Nesta liña, o investigador Ángel Dacal vén de presentar na súa tese de doutoramento un sistema de procesamento de imaxe e visión hiperespectral para o control da calidade da pataca. O sistema permite inspeccionar dun xeito non destrutivo toda a produción de patacas, non só unha mostra, e detectar problemas externos dos tubérculos como a sarna común, o verdeo ou a podremia seca, e enfermidades internas como o corazón oco.

A tese de Ángel Dacal, dirixida por Arno Formella e Pilar Isabel Carrión, foi presentada na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense e distinguida coa máxima cualificación. Segundo explica o seu autor, a tese xurdiu no marco do proxecto de investigación Visiocal, no que participan a Universidade de Vigo, o Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia e o Centro Tecnolóxico da Carne e que ten por obxectivo desenvolver un sistema de inspección non destrutivo baseado en visión por computador para o control de calidade nas industrias da pataca e a castaña.

“Eu estaba involucrado no proxecto, que foi o que detectou a problemática tratada na miña tese, a falta de automatización na industria da pataca. Nese contexto, co meu traballo quixen contribuír a mellorar as técnicas de control de calidade neste sector tan deficitario tecnoloxicamente”, apunta Dacal. Segundo explica, a automatización segue sendo unha área de traballo esencial nalgunhas industrias como a agroalimentaria e por iso é necesario fomentar o uso de novas tecnoloxías como vía para mellorar a competitividade e eficiencia das empresas.

Inspección automática

Entre estas novas tecnoloxías, Dacal destaca que a visión por computador é unha área de coñecemento multidisciplinar que contribuíu notablemente á mellora da industria durante os últimos anos, sendo un dos seus múltiples usos o desenvolvemento de sistemas para o control da calidade que permiten unha inspección de modo non destrutivo, obxectivo e automático da totalidade da produción, en lugar dunha mostra aleatoria.

Nesta súa tese o xa doutor desenvolve solucións para o control de calidade na industria da pataca empregando a visión por computador no espectro visible e visión hiperespectral no espectro infravermello. “Deste xeito, detéctanse problemas externos dos tubérculos, como a sarna común, o verdeo ou a podremia seca, e enfermidades internas, como o corazón oco” salienta. Para esa detección o sistema emprega o recoñecemento de patróns definidos no proxecto Visiocal, que permite identificar as posibles enfermidades da pataca cando son monitorizadas na cadea de produción.

Framework e banco de probas

“Pola súa novidade, unha dos principais puntos de interese desta tese é a aplicación dunha tecnoloxía emerxente para a detección de características externas e internas da pataca e a posta a piques dun sistema de adquisición hiperespectral infravermello de propósito xeral que xa se está utilizando en novos problemas de inspección”, salienta o investigador. Ademais, explica, o deseño dun framework experimental, que cubre todo o proceso e permite solucionar problemas de mapeo e de clasificación, e dun banco de probas para solucionar problemas como os xurdidos mediante visión hiperespectral abren un novo campo de estudo e permitirán abordar no futuro novos proxectos aplicando o coñecemento adquirido nesta tese.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS