Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 15.11.2018 Actualizado 21:14
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Un técnico ratifica que Adif non pediu analizar a seguridade da curva da Grandeira

As declaracións continuarán o xoves e o venres con peritos de parte

SANTIAGO. EP  | 12.09.2018 
A- A+

Un técnico da unión temporal de empresas (UTE) de Thales e Dimetronic, que forneceu a tecnoloxía de seguridade da liña Ourense-Santiago, ratificou este mércores que Adif non pediu analizar a seguridade da curva da Grandeira, na que descarrilou un tren Alvia o 24 de xullo de 2013 --con 80 falecidos e máis de 140 feridos--.

Así o trasladou este mércores en Santiago ante o xuíz que instrúe o caso, Andrés Lago Louro, onde compareceu en calidade de testemuña.

Segundo informa o letrado das vítimas, Manuel Alonso Ferrezuelo, este técnico recoñeceu, tal e como expuxera a consultora pública Ineco en novembro de 2017, que "o encargo dos riscos que tiñan que analizar eran até o quilómetro 84, non a totalidade da liña", xa que "o ERTMS non chegaba á totalidade da liña, só até antes da curva".

De tal forma, a curva non se analizou "por parte deles nin por parte de Ineco" ao incluír o sistema de seguridade ERTMS. "Entendemos que iso é importante, porque a raíz do cambio de proxecto iso foi o que cambiou e quitouse ese sistema até ese punto quilométrico", remarcou.

Manuel Alonso Ferrezuelo lembra que este "é un do elementos vitais dos motivos polos que se produciu" o accidente. "Adif non encargou esa análise preliminar do risco, porque non había sistema (de seguridade)" en Angrois, remarca.

De tal forma, o técnico, que traballa como coordinador de seguridade na actualidade en obras en liñas nas que participa Adif, entrou a valorar ante o xuíz "só até onde lle tiñan contratado na liña".

AS DECLARACIÓNS CONTINÚAN
Pola súa banda, as declaracións continuarán o xoves e o venres. O 13 de setembro, e xa en calidade de peritos, acudirán aos xulgados composteláns Ángel Luis Sanz Cubero (ás 9,00 horas) e Pilar Calvo Holgado (ás 10,00 horas).

Ambos os expertos realizaron peritaxes para o avogado do maquinista (imputado na causa), o primeiro centrado en temas de sinalización e a segunda en cuestións de factores humanos.

Ao día seguinte, 14 de setembro, venres, ás 9,00 horas está citado o enxeñeiro Antonio Puyol e ás 10,00 horas Esther Mateo (directora técnica de Adif desde xullo de 2016), cuxos documentos achegou o propio administrador de infraestruturas ferroviarias máis recentemente para defender a súa actuación na liña de Angrois en todo o relativo ao exame dos riscos.

É por esa avaliación de riscos, pola posibilidade de que houbese deficiencias na súa realización, pola que están investigados dous cargos de Adif (Rebón e Andrés Cortabitarte) e o xa dimitido Antonio Lanchares (que era xefe de Seguridade de Circulación de Renfe), así como tres técnicos da consultora Ineco, encargada da análise independente.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS