Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 11.10.2019 Actualizado 19:57
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

actividades de difusión da súa biografía e obra

Unanimidade para declarar 2012 Ano de Celso Emilio Ferreiro

O PP defende "honrar a súa figura" e PSOE e BNG cren que "manipula" a súa obra dada a súa vixencia ante a política lingüística da Xunta

SANTIAGO. EP  | 11.10.2011 
A- A+

Os tres grupos con representación no arco parlamentario galego acordaron este martes, a instancias do PP, "honrar a figura de Celso Emilio Ferreiro" no centenario do seu nacemento. Deste modo, ao longo de 2012, programaranse diferentes actividades de "promoción e difusión" para dar a coñecer a súa biografía e a súa obra. 
Malia o acordo do pleno da Cámara, o debate sobre esta iniciativa, que insta á Xunta a elaborar un catálogo de actuacións e a buscar a colaboración doutras entidades para difundir a súa obra e dar a coñecer a súa "actividade política de compromiso con Galicia e en defensa dos valores democráticos", non estivo exento de polémica. 
E é que tanto Concepción Burgo (PSOE) como Ana Pontón (BNG) afearon ao voceiro do PP na materia, Agustín Baamonde, a súa "manipulación" da biografía do autor ao definilo como "un defensor da liberdade de uso" das linguas galega e castelá por escribir en ambos os dous idiomas. 
"Non é un representante do seu biling~ismo harmónico", espetoulle a socialista, dando lectura a un fragmento dunha entrevista na que o celanovés puntualizaba que escribiu en castelán "dun modo forzado", xa que, nos tempos que lle tocou vivir, "non se podía usar o galego". 
Pola súa banda, a parlamentaria do Bloque recordou que o autor de 'Longa noite de pedra' era "un nacionalista galego" --cofundador da UPG--. "Estaba comprometido cos dereitos nacionais de Galicia e sufriu nas súas carnes o franquismo", subliñou, aludindo á súa condena a morte e ao seu exilio.

"INCÓMODO" PARA O PP 
"Vostedes pintan a súa vida coma se fose un edén", censurou Pontón, para concluír --e con ela coincidiu Burgo-- que a figura de Celso Emilio Ferreiro "resulta incómoda" a un partido que "aínda non condenou o franquismo". 
Despois de que Baamonde destacase que Celso Emilio Ferreiro forma parte dunha "estirpe de galleguistas que loitaron con valentía por Galicia", a socialista e a nacionalista incidiron na vixencia da súa obra ante a política ling~ística da actual Xunta. 
De feito ambas as dúas compararon aos dirixentes autonómico cos "pequenos mequetrefes son raíces / que ao pór a garabata xa non saben / afirmar se non amor dous devanceiros, / falar a fala nai" do seu poema 'Deitado fronte ao mar'.

"UN BO E XENEROSO" 
Mentres as bancadas populares recriminaban ás bancadas da oposición utilizar o poeta para "facer política", Agustín Baamonde pechou o debate denunciando a "manipulación" da súa figura por parte Burgo e Pontón. "Aprovéitanse dunha grande figura de Galicia e fáltanlle ao respecto facendo crer que é un voceiro de PSOE e BNG", censurou. 
"Todos nos podemos sentir identificados con el", resaltou, e utilizou o Himno Galego para finalizar remarcando que "un bo e xeneroso" merece que "se honre a súa figura e a súa memoria".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS