Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 09.12.2019 Actualizado 13:50
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Unanimidade na Cámara para instar á Xunta a adoptar medidas para reducir a desigualdade laboral e salarial

SANTIAGO. EP  | 19.11.2019 
A- A+

Os grupos parlamentarios da Cámara galega aprobaron por unanimidade unha serie de iniciativas orientadas a analizar a situación laboral da muller e a tomar medidas para reducir a desigualdade entre xénero.

O acordo partiu dunha moción defendida pola parlamentaria nacionalista Montse Prado, quen advertiu de que as mulleres, xunto coa mocidade, son o colectivo que sofre "con máis virulencia" a precariedade laboral.

Con todo, pese ao "clamor" social que se produciu nas últimas mobilizacións do 8 de marzo, na súa opinión, os compromisos adquiridos coas mulleres "non pasan do papel á realidade". "En materia lexislativa hai avances pero queremos pasar de dereitos iguais a vidas e realidades iguais", manifestou Montse Prado que asegurou que no plano laboral as mulleres non son "nin moito menos iguais" aos homes.

Ante estas cuestións, a parlamentaria nacionalista propuxo instar á Xunta a elaborar un estudo "minucioso" sobre a situación laboral das mulleres galegas e a impulsar as medidas necesarias, coa dotación económica suficiente, para abordar as carencias que se detecten.

A moción, entre outros puntos, tamén pedía vixiar o cumprimento da lexislación en materia de igualdade laboral e incluír nos orzamentos autonómicos unha partida "suficiente" e "non testemuñal" para "actuar na rebaixa da brecha salarial".

A iniciativa, que emprazaba á Xunta ha presentar un informe sobre dun acordo da Cámara aprobado o 13 de marzo de 2019 para incorporar cláusulas de igualdade na contratación pública, contou cunha emenda do Grupo Común da Esquerda que, con todo, non foi apoiada polo PPdeG.

EMENDA
Na sesión, a deputada do Grupo Común da Esquerda Eva Solla presentou esta emenda que, aínda que inicialmente foi aceptada polo BNG, non saíu adiante ao ser rexeitada polo PP. En concreto, pedía un cambio na regulación do traballo a tempo parcial para facela "máis garantista" e derrogar a lexislación que a converteu nun "contrato chamada".

Ademais, emprazaba a avanzar na vía para seguir incrementando o salario mínimo interprofesional (SMI) e regular con urxencia os permisos de paternidade e maternidade iguais, obrigatorios e intransferibles.

Expostas estas medidas, o deputado do Grupo Mixto Pancho Casal mostrouse "totalmente de acordo" coas cuestións recollidas tanto na moción do BNG como na emenda formulada polo Grupo Común da Esquerda á vista dos datos negativos sobre igualdade laboral que reflicten "todas as enquisas".

ESTATÍSTICAS
"E despois están as estatísticas das roldas de prensa do PP, esas que viven nese mundo paralelo no que se instala permanentemente o Goberno e o grupo que o apoia", sinalou.

Os socialistas tamén se mostraron a favor das medidas incluídas na moción presentada polo BNG e chamaron a atención sobre a situación da muller no mercado laboral.

Así, a deputada Carmen Rodríguez Dacosta lembrou que o "90% das excedencias en Galicia" son solicitadas por mulleres. "Galicia tardaría 615 anos en eliminar a brecha salarial se a recuperación segue este ritmo", manifestou a parlamentaria, que lles trasladou aos deputados do PP que "algo teñen que facer".

Pola súa banda, a popular Cristina Romero, que avanzou o apoio do seu grupo a esta medida para defender a igualdade laboral e salarial, iniciou a súa intervención coa posta en valor das medidas "concretas" adoptadas pola Xunta de Galicia para "mellorar as condicións do emprego" das mulleres e "abordar as causas" da fenda salarial.

Dito isto, asegurou que os datos actuais de emprego feminino son dos mellores da "historia". "Segundo a EPA hai máis mulleres que nunca afiliadas á Seguridade Social, máis de sete de cada dez asalariadas teñen un contrato indefinido", apuntou.

"O mercado laboral presenta mellores resultados que o conxunto de España en todos os seus indicadores", ha incido para afear á oposición que se consideren os únicos "defensores do emprego feminino".

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS