Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 22.10.2019 Actualizado 21:27
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

PLENO DO PARLAMENTO

Unanimidade para pedir un protocolo de atención a maiores que viven sós en Galicia

A iniciativa partiu do grupo mixto e o PSOE recalca que é "continuación" da súa que se aprobou en xuño

SANTIAGO. EP  | 11.09.2019 
A- A+

O Parlamento de Galicia pediu por unanimidade un protocolo "específico" de atención ás persoas maiores que viven soas "que coordine as actuacións de todos os servizos públicos e institucións implicadas na materia".

O texto, iniciativa do grupo mixto, require contar "especialmente" cos servizos sociais comunitarios, no marco da estratexia galega de atención "a este fenómeno da soidade non desexada".

Ademais, reclama a extensión "de forma eficaz" do servizo de hospitalización a domicilio "de forma que se garanta a cobertura en todo o territorio, tamén no medio rural, coordinándose coa atención primaria".

Solicita un aumento dos orzamentos para o plan concertado "para garantir o servizo de axuda no fogar de forma que se garanta a cobertura en todo o territorio e o aumento do tempo de atención a cada persona usuaria".

Así mesmo, demanda "apoio técnico" para os concellos para a elaboración de protocolos sociosanitarios municipais de atención aos maiores que viven sós.

Axilizar o estudo e censo de maiores que viven sós (algo acordado na Cámara xa o pasado 26 de xuño) e sensibilizar á cidadanía e formar aos profesionais sobre o illamento e as súas consecuencias son os dous últimos puntos que require.

DEBATE
Durante o debate, a deputada do grupo mixto Paula Vázquez Verao advertiu da necesidade de "máis fondos" para facer fronte á situación.

Neste sentido, viu na proposición non de lei un impulso para "mellorar a situación xa no inmediato", sen que sexa preciso "esperar á estratexia galega".

Pola súa banda, a nacionalista Monste Prado criticou que "a administración non pode ir tantos pasos por detrás" da realidade, nunha sociedade galega "tan envellecida" e con "cada vez máis xente maior con pouco contacto con familiares ou amizades".

Paula Quinteiro, do grupo Común dá Esquerda, coincidiu en que esta é unha "realidade que vai en aumento" e atribuíu esta alza ao "sistema capitalista", nun contexto no que as "políticas públicas non están a ser efectivas".

Mentres, a socialista Noela Blanco censurou que, neste asunto, "Feijóo está en modo consellos vendo que para min non teño" e remarcou que a iniciativa do grupo mixto é "continuación" da do PSdeG que se aprobou en xuño.

Por último interveu a popular Marta Rodríguez, quen lembrou que está en tramitación a lei de impulso demográfico e enumerou programas como o servizo de axuda ao fogar, o de 'Xantar na casa' e de teleasistencia, entre outros.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS