Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 21.09.2017 Actualizado 20:28
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

NOTICIAS COTIÁS

Unha declaración de amor…

RUTH FERNÁNDEZ  | 01.10.2013 
A- A+

Quero soños de veludo. Quero aloumiños de mel. Sentir que a lúa me agarima o maxín cada vez que penso en ti. Si. Esta é unha declaración de amor. Amo o galego. É a lingua na que aprendín as primeiras palabras, na que coñecín o sabor das cousas, na que escoitei a primeira literatura, os primeiros contos. Amo o galego de xeito incondicional. Prometo serlle fiel, amalo e respectalo todos os días da miña vida. Empregalo no bo e no malo, ata que a morte me impida usar a lingua de Rosalía de Castro, ata que non poida articular a palabra de Vidal Bolaño, a quen o pasado 17 de maio adicamos o Día das Letras…

Gústame como sabe o galego: a castañas asadas festexando o San Martiño cun grande magosto, a lamprea de Arbo e a anguía fritida de Portomarín. Sabe a polbo á feira do Carballiño e a licor café degustado lentamente mentres comemos un amendoado de Allariz acabado de cocer, a noces e a marmelo. O galego ten sabor a empanada de mazá elaborada na casa e a filloas con mel, desas que facía a avoa cunha pinga de sangue, despois de celebrarse a matanza do porco. Teño eses sabores tan gravados, arraigados dentro de min… que sinto medo de perder a esencia galega e non saber volver á orixe se os nosos gobernantes tiran ao lixo tantos anos de loita por un idioma que xa viviu a súa época escura no pasado. Non poderán con nós, cos que lle prometemos amor eterno! Defenderémolo con capa e espada, se é preciso. É unha cuestión de honra, como nas comedias de Lope de Vega.

Sinto medo mesmo da morriña… se algún día te afastan de min… se algún día puideras desaparecer da miña vida e ficar orfa na lingua. Non quero perderte, meu amor. Desexo noites de ceos estrelados, paseos a carón do mar, alboradas cheas de azucre, mentres os meus oídos escoitan a música das cantigas de Martín Códax, mentres aos meus ollos chegan os versos de Celso Emilio Ferreiro, mentres as miñas mans amasan palabras extraídas dos textos de Castelao, coma quen amasa pan e se perde no arrecendo que deixa escapar ao saír do forno, imposible de apreixar nun frasco de vidro. Quero grolos de teatro en galego, bocados de cine e unha copa de lírica galega. Quero un amigo que me comprenda. Que coa ollada calada intúa que eu falo galego, que mato pola lingua que me aloumiñou dende o berce.

Mentres falemos a nosa lingua seremos como mecenas das artes, coidando do patrimonio oral e intanxible, así como das obras literarias publicadas. Contando as lendas populares, lembrando as cantigas que escoitamos de nenos, coñecendo os oficios de vello e as xergas propias, como dos afiadores é o barallete, imos salvagardar un tesouro para o futuro, agochándoo lonxe dos piratas do poder que queren facerse con el para destruilo ou vendelo ao mellor postor. O galego non pode desaparecer! Non podemos ficar cos brazos cruzados. Entre todos conseguiremos que medre. Loitemos sen armas, coa fala, movendo o músculo da boca.

Ruth Fernández

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS