Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

DENDE VERIA

Unha democracia decadente

ELÍAS PÉREZ SÁNCHEZ  | 24.01.2020 
A- A+

Nos últimos tempos debátese ansiosamente sobre a crise do sistema democrático, en concreto sobre a democracia representativa. Dise, e con razón, que é imposible unha democracia real nunha sociedade mergullada nun mar de desigualdades sociais. Dise, tamén, que é imposible unha democracia auténtica cando existe un déficit de información veraz e obxectiva por parte dalgúns medios de comunicación que impiden que a cidadanía poida deliberar e decidir axeitadamente. Insístese en que a xestión (discutible) da crise económico-financeira e as brutais consecuencias traducidas en emprego precario, salarios indignos, recortes de dereitos sociais e de liberdades ou a propia violencia de xénero, están a provocar estes últimos tempos o sentimento, en boa parte da cidadanía, de que a democracia e as súas institucións non son instrumentos eficaces que ofrezan unha resposta tranquilizadora e xusta aos seus sufrimentos e incertezas. Discútese, en fin, como se está empequenecendo a democracia ao perderse, a pasos axigantados, a vinculación histórica co pasado democrático e como se está perdendo, tamén, a capacidade comparativa entre os réximes autoritarios e os modelos políticos respectuosos coas liberdades e o progreso.

Con todo, hai outra razón importante (moi actual, por certo) que está a provocar a erosión e a crise da democracia e é a perda do valor exemplar e da autoridade moral da clase política. A decepción que está a levar a boa parte da poboación –tamén á cidadanía comprometida- a desconfiar da forza transformadora da actividade política é debida á corrupción, a manipulación das emocións da cidadanía a través de discursos fortemente emotivos e carentes de reflexión deliberativa, a procura do poder como meta exclusiva das organizacións políticas e a consideración da política como un desmedido espectáculo repleto de descualificacións, insultos e vexacións que fan dela unha actividade escasamente exemplarizante e profundamente desprezada.

Malos tempos para a democracia. Están a racharse os vínculos entre cidadanía e clase política (non creo que se poida, hoxe en día, falar de “elites políticas”, precisamente) como ben insisten as filósofas Adela Cortina e Victoria Camps. Talvez tiñan razón tanto Platón como Aristóteles cando dubidaban, xa nos séculos V e IV a. C., da eficacia do sistema democrático e analizaban con bastante profundidade, por certo, a súa enorme fraxilidade. Ambos filósofos coincidían alomenos nunha mesma idea: unha vez enferma e infectada a democracia, debido á impostura demagóxica na que as baixas paixóns suplantan ás boas razóns, esta tende a transformarse paulatinamente nunha tiranía que secuestra a política e que ameaza as liberdades. A lección é clara: una democracia fortemente devaluada e una clase política cuestionada, en un contexto de crise económica e de valores morais e sociales indiscutible, e un cóctel que anticipa novos totalitarismos. Tanto a análise dos filósofos gregos como os feitos históricos do pasado poden servir de advertencia.

Elías Pérez Sánchez (Grupo Doxa de Filosofía)

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS