Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 21.11.2019 Actualizado 20:43
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Unha derradeira lembranza para o primeiro caído en Ifni

JOAQUIM VENTURA  | 10.07.2019 
A- A+

Como quen recolle carrete cando pesca ao pincho pero a cámara lenta, foron aparecendo neste recuncho diversas lembranzas do artilleiro galego José Rico Castelao, o primeiro soldado de leva caído no conflito de Ifni, en novembro de 1957.

Non sendo eu especialista en historia militar, os diversos artigos que lle dediquei quixen que fosen unha especie de altofalante á súa memoria. Se este artilleiro estivo en Ifni non foi pola súa vontade e se morreu, non foi por ningunha causa que o xustificase. Dentro das miñas modestas posibilidades e a distancia, quixen coñecer algunhas das circunstancias que a súa tráxica morte provocou, entre elas a reparación que os seus pais obtiveron. Ignoro se por desidia no momento de tramitación ou en tempos posteriores, quedan aínda por encontrar uns cantos papeis e así o recollín en artigos anteriores.

O último, o pasado decembro nestas páxinas, cando citaba un número extraordinario da revista Ejército dedicado á guerra non convencional de Ifni. Os diversos artigos que dediquei ao asunto envieillos a persoas que manteñen o blog “El Rincón de Sidi Ifni”, un compendio de memoria sobre aquela terra africana ocupada por España durante anos. Entre esas persoas teño que destacar o galego Xosé María Vilabella, que en 1957 era o delegado de Banco Exterior de España en Ifni, e a Pablo Vázquez Ramírez, profesor do CICEI da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria e animador do blog.

A resultas deste meu último artigo, Pablo Vázquez envioume outro escrito por Manuel Jorques Ortiz –avogado e escritor, fixo o servizo militar no Grupo de Policía de Ifni, 1961-1962- e que foi publicado no blog en marzo de 2018. Nese artigo, Manuel Jorques trataba tamén da memoria de José Rico Castelao e recollía diversas circunstancias como soldado: el tempo de servizo que se lle recoñeceu (sete meses e vinte e sete días), as prendas de uniforme que se lle entregaron cando se incorporou a filas… Engadamos a iso os documentos conservados nos arquivos militares, obxecto de estudio posterior por historiadores (non sempre con boa fortuna por parte de algún con alta gradación) ou curiosos interesados como quen asina este artigo.

Jorques destacaba, especialmente, a teimosía de Antonio Herrero, xornalista en diversos medios canarios ou El Faro de Ceuta, para que a memoria do artilleiro galego caído non quedase limitada a un parágrafo e algunha nota ao pé. Nese senso, fixo diversas xestións ante organismos oficiais –civís e militares- que conduciron, finalmente, a que o nome de José Rico Castelao se dedicase a unha das vías interiores da Base “General Morillo” en Pontevedra.

A placa correspondente foi inaugurada o día 26 de novembro de 2015 polo daquela director da Base, o xeneral Luis Cebrián Carbonell (oficial en varias misións internacionais e desde hai unhas semanas, comandante xeral de Ceuta). Acompañábao un piquete de honra formado por un sarxento primeiro, un corneta, un cabo e seis soldados, amais da banda da BRILAT.

Pola miña parte, fixen unha xestión ante o concello de Castroverde, onde en 1957 estaban empadroados José Rico Castelao e os seus pais Modesto e Aurora, naturais d’A Pobra de Brollón. No arquivo municipal de Castroverde non consta ningunha documentación relativa ao artilleiro caído en Ifni nin tampouco datos sobre algún acto de homenaxe ou recordo. Na pasada lexislatura, o PSdeG-PSOE gobernaba con maioría absoluta (que revalidou recentemente). Tal ausencia de lembranza de Rico Castelao non me foi confirmada: a resposta foi o silencio, malia que lles enviei os enlaces aos meus artigos sobre el.

Invito aos amigos de “El Rincón de Ifni” que así como Antonio Herrero o fixo ante o Exército, xestionen ante o concello de Castroverde algún tipo de lembranza cara ao artilleiro. Mal asunto cando a memoria militar se conserva mentres a civil ignora aquela guerra. Ao cabo, José Rico Castelao foi alistado por leva obrigada e non profesional.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS