Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 22.03.2019 Actualizado 12:48
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Unha folga con trampa

JOAQUIM VENTURA  | 25.02.2019 
A- A+

O pasado 21 de febreiro Cataluña tivo que aturar unha convocatoria de folga xeral. Hai un paradoxo –histórico, sen dúbida- entre aquelas terras do Estado español que se reclaman nacións de seu: mentres a Galiza e o País Vasco dispoñen de importantes sindicatos de corte nacionalista –CIG, dunha banda, e ELA-STV e LAB, doutra-, en Cataluña non hai ningún que resulte significativo malia a alta conciencia catalanista do país. Unha cousa son sindicatos sectoriais de dimensión catalá –os que se agrupan na Intersindical Alternativa de Catalunya (IAC)- e outra ben distinta os que teñan vocación nacionalista ou independentista.

E destes, o único exemplo é a Intersindical-CSC, que ten 321 delegados sindicais entre os 50.000 que foron elixidos en Cataluña. Un sindicato fantasma e que está dirixido por Carles Sastre, persoeiro de pasado un tanto escuro xa que foi condenado por diversos delitos de terrorismo (entre eles, o asasinato de José María Bultó en 1977) e pertenza a banda armada (Terra Lliure).

Pois este sindicato (aceptemos polbo como animal de compañía) foi quen convocou tres folgas xenerais despois do 1 de outubro de 2017: a primeira (de varios días) xa fora convocada o 21 de setembro (brillante intuición!!!) e coincidiu coa protesta convocada para o 3 de outubro (“aturada de país”) contra a actuación das forzas de seguridade españolas, e que foi un éxito grazas ao apoio dos sindicatos maioritarios (CCOO, UGT, USO), dalgunhas patronais (Pimec, Cecot) e outras organizacións agrupadas na Mesa pola Democracia.

A segunda folga xeral que a Intersindical-CSC convocou foi o pasado 21 de decembro coa escusa de opoñerse ás políticas económicas de Pedro Sánchez. Argumento sorprendente porque non houbo tales políticas excepto o aumento do SMI, non referendado nos presupostos xerais de 2019 pola negativa dos independentistas. E máis sorprendente aínda porque este seudo-sindicato non fixo ningunha mobilización cando CiU deu apoio ás reformas de Rajoy en 2007.

E a terceira folga xeral foi esta que comentamos ao principio. Sorprende, pois, que con tan poucos vimbios fosen capaces de tecer un queipo pero é que a cousa ten as súas trampas. A primeira, a folga foi un fracaso excepto en sectores laborais onde a IAC –que daba apoio- ten certa forza: ensino (USTEC) e administracións públicas (CATAC). E a segunda, e máis importante, a complicidade descarada da administración da Generalitat en mans dos independentistas: para todas as convocatorias de folga xeral foron decretados (vía DOGC) decretos de servizos mínimos (ou esenciais) que, de feito, quedaban fixados como máximos, especialmente no ámbito do transporte público.

Así, decretando a circulación dun de cada tres trens (sen contar en se os ferroviarios querían seguir a folga ou non), foron moitos os traballadores que colleron o día de festa se tiñan posibilidade de facelo para evitar o caos. Ou se decretados no ámbito escolar público, suprimían as clases e –o que é máis importante- o servizo de comedor. Por iso, foron moitos os pais e nais obrigados a deixar de traballar por atender os seus fillos ou a ter que mobilizar avós e avoas.

¿Estaba xustificada a convocatoria? Cabería dicir que a maioría da sociedade catalá considera que os xuízos do TS contra os políticos independentistas son inxustos pero tal circunstancia non xustifica unha folga xeral que, amais, pode ser intercambiada do día 7 de febreiro ao 21, como quen arranxa cita coa perruqueira.

Seguindo cos participantes nas manifestacións do pasado día 21, sorprende que chamasen á folga persoas que pola súa condición social, nunca fixeron unha nin manifestaron as súas simpatías cando os sindicatos maioritarios as convocaron contra Felipe González ou contra José María Aznar. Como sorprende –e aí si que convén que os dirixentes independentistas tomen coidados- que os manifestantes marchasen a protestar contra Comisións Obreiras por non dar apoio á folga. Convén advertir –e así retomamos o dito ao que comezo deste artigo- que este sindicato xogou, xa nos tempos da clandestinidade- o papel de sindicato nacional catalán (Comissió Obrera Nacional de Catalunya), ata o punto de constituír unha confederación co resto de Comisións Obreiras.

Unha reflexión final. Levo desde 1973 vinculado a Comisións Obreiras, como activista sindical ou como simple afiliado. Sitúo, polo tanto, a liberdade sindical como unha das bases da democracia. Pero, por un mínimo sentido da responsabilidade, ¿as autoridades poden aceptar unha convocatoria de vaga xeral feita por unha entidade cuxa representatividade non alcanza o 1% e decretar uns servizos mínimos que paralizan todo un país?

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS