Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Martes 22.05.2012  | Actualizado 12.06

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
[Noticia 1 de 1] Galicia  |  RSS - Galicia RSS

ECOS DA BERENGUELA

Unha gastrónoma moi especial, Elvira Montes

07.02.2012 

5.0/5 [4 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

XOSÉ LOIS GARCÍA

Nos confíns das terras chantadesas de Navego, na parroquia de San Miguel do Monte, a última casa antes de chegar ao lindeiro provincial entre Lugo e Pontevedra é a do Moure. Desde fai cincuenta anos coñecín cinco xeracións desta familia vinculeira. Desde o patriarca Sr. Manuel, coñecín a seus fillos, netos, bisnetos e tataranetos, que son o Teodoro (falecido) Xosé Manuel, Manolo e Breixo, respectivamente. Unha familia abastecida en xenerosidade, camaradería e de caudalosas amizades. O vello Moure, o Sr. Manuel, era un home de retranca e de moitas benquerenzas no val de Navego e noutras latitudes. Un home de respecto e de esquerdas que combateu ao fascismo na fronte de Asturias, co grado de tenente republicano. No franquismo nunca virou a cara nin a mao aos que andaban fuxidos polo monte do Faro e combatían a ditadura.

Nesta casa grande harmonízanse varios atributos de herdo familiar onde os maiores convivios celébranse polas festas parroquiais e pola matanza. A familia e os amigos enchemos ese comedor pletórico de convivencias, con cabida para mais de cen persoas. Onde cada un fala o que lle peta e converte a este fogar nun verdadeiro foro de concerto verbal e de pulcritude democrática.

Desde o comedor, nesta cimeira das estivadas do Faro, podemos ollar as longas terras do sur da provincia de Lugo e parte das de Ourense, até os áticos cumes do Cebreiro e do Courel. Un verdadeiro miradoiro onde o leste non se resiste a negarnos seus encantos. Mentres un fala cos amigos e contempla terra e paisaxe. O arrecendo da cociña tráenos ese perfume de ingredientes que dan azos a un introito de boa temperanza e de froitos que esta terra cría e na mesa ofréndase en singular e delicioso manxar.

Mais quen transforma e sazona estes produtos é Elvira Montes, a muller de Xosé Manuel Moure, unha dona que cultiva todo ese portento gastronómico do seu microcosmos de Navego, que herdou de súa mai. Todos eses olores e sabores que a Elvira presenta, teñen unha tradición que lle chegou a ela de seus ancestros. Mais isto é unha dote importante da boa culinaria que na casa do Moure de San Miguel potencia o noso. A Elvira é unha verdadeira gastrónoma, que excede ao que coñecemos por cociñeira. Non sempre un cociñeiro é un gastrónomo. Cando digo que Elvira Montes é unha gastrónoma é porque ela cultiva e mima os seus produtos hortícolas e selecciona aqueles que ela non produce. E neste esmerado labor de facer un seguimento que responde ao diatético e a cultivar o produto para unha disciplina alimenticia, está o fervor de agrandar os seus coñecimentos e poñelos en práctica, tal como sucede.

A Elvira naceu e madureceu nese naturalismo ruralista, e na súa arte culinaria está presente esa antiga cultura da cociña galega con tantas correspondencias e exaltacións positivas. Mais ela non só reproduce aqueles modelos de cociña tradicional, senón que soubo crear particularidades un tanto xenuínas, partindo do propio, da nosa cultura nacional na maneira de ampliar e engrandecer as receitas de antano.

Estamos nun período de tantas vulgaridades e hibridismos gastronómicos, que a confusión é tan agresiva, cultural e socialmente, na que se desvirtúa a culinaria orixinal, nesta tolemia de renderse á quen potencia a  globalización comercial.

Na casa do Moure de San Miguel do Monte aínda hai ese respiro de lexitimar a tradición dunha culinaria artesán. Unha proposta sábea que a Elvira protagoniza e non se ve tentada a asumir os novos canons eclécticos que potencias os impostores. Esta gastrónoma sabe escoller con moita pericia aqueles produtos que ela non produce nin cultiva, como son os do mar. Neses condimentos percibimos a tradición mariñeira galega transbordada ao interior da terra labrega. A repostería que ela fai é eficiente para connotar o sabor desa patente que ten corpo e alma enxoita e atopa morada nos que non nos rendemos en aceptar o que non se cría e o que non se modula na nosa nación.

Vou con frecuencia á casa do Moure e alí cómese do que hai –como eles din- todo un formato de condimentos que perfuman ao espírito mais negado e maltreito. E un conversa co Xosé Manuel e co Manolo naquel longo mesado de mármore na cociña a degustar o que a Elvira e a Estrela sacan dos pucheiros esa recompensa da excelentísima arte do bo cociñar. A Elvira ama o silencio e eu ben sei que ela dialoga cos alimentos en súa metamorfose, entre potas e cazolas; ela sabe que á cociña non se lle pode negar tempo que ven a ser o éxito de seus condimentos.

Outra da gratificación que un pode ter na boa dixestión, é esa danza pétrea que un pode ollar a poucos metros, desde a fiestra da cociña do Moure, no tímpano románico da igrexa de San Miguel do Monte, onde o trobador maior, con cítara en mao, anímase no son do salterio do xograr e das acrobacias festeiras da soldadeira. Esa cociña convértese en irresistíbel, en única e intransferíbel.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Noticias relacionadas

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS