Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Unha nova ollada ao franquismo

JOAQUIM VENTURA  | 09.04.2020 
A- A+

Escribir agora do franquismo podería parecer redundante. Sen embargo, tendo presente que xa pasaron corenta e cinco anos da morte do ditador, se as novas xeracións procuran unha guía de lectura, poden atopar unha boa ferramenta en Historia del franquismo, de Luís Palacios Bañuelos, que ven de publicar a editorial andaluza Almuzara.

Despois dos estudos –críticos ou non, con marca ideolóxica ou sen ela- que apareceron neste tempo pasado, podemos ter un panorama detallado das diversas facetas que tivo a ditadura. Agora, a obra deste catedrático castelán intenta facer un resume equilibrado e sen connotacións ideolóxicas do que foi o franquismo. O estudo resulta equilibrado e nel atopamos as diversas etapas do réxime, coas distintas familias (falanxistas, católicos, militares, Opus Dei) que foron conformando os diversos gobernos.

Esta obra non esquece o papel da Igrexa, desde o compromiso do nacional-catolicismo inicial ata a desafección dunha parte dela nos anos que seguiron ao II Concilio Vaticano (a outra parte, agora en minoría, aínda segue a querer marcar certas pautas). Base fundamental do franquismo foi a súa política educativa e cultural, marcada pola ideoloxía ultranacionalista e católica, expresada coa exaltación de supostas glorias pasadas (o Cid, os Reis Católicos, os Austrias), a represión de costumes e a propaganda dos santos exemplares.

Como Estado, e malia os anos de autarquía e de peche de fronteiras, España tivo que observar equilibrios entre países amigos e países adversarios. Unha situación moitas veces marcada pola represión contra toda disidencia, exercida ata o derradeiro intre con penas de morte.

E, en paralelo, a evolución do réxime, especialmente a partir do desenvolvemento industrial e as subseguintes migracións interiores e ao estranxeiro, fonte importante de divisas, nas cales galegos e galegas tiveron especial protagonismo. E, a maneira de espello, esoutra España que tivo que sobrevivir no exilio estranxeiro.

Todos estes asuntos están ben resoltos, en xeral, con equilibrio e rigor e con vontade divulgativa, para o cal o aparato bibliográfico é sucinto pero suficiente. Pero máis alá da simple descrición, Luís Palacios sitúa a personalidade de Franco como elemento determinante na supervivencia do réxime encetado coa sublevación de xullo de 1936. Astuto, pragmático, contemporizador coas distintas familias que lle daban apoio, especialmente fronte á materia gris do réxime que Carrero Blanco representaba.

Se consideramos os diversos estudos aparecidos ata agora, xa que logo os feitos desde o antifranquismo ou desde a esquerda, houbo unha especial atención aos aspectos represivos, tanto cruentos como culturais ou de expresión. Poucos traballos puxeron a atención na condición de cleptocracia do réxime franquista. Unha eiva que tamén atopamos en falla na obra que comentamos, posiblemente porque excedía as dimensións pensadas polo autor.

Porque, no fondo, a historia do réxime franquista é a historia do espolio por parte dos sectores dominantes tradicionais fronte a ascensión dunhas clases medias e populares que foron as que trouxeron a Segunda República. Un cambio social que ameazaba os privilexios dos grandes terratenentes, dos industriais e dos sectores financeiros.

A historia do franquismo é a historia das familias dedicadas á banca (os Urquijo, os Coca), do oligopolio das obras públicas, dos que se fixeron de ouro coa construción dos polígonos para os inmigrantes pero sen facerlles moitas veces os servizos necesarios. A represión non foi senón a ferramenta necesaria para que ese proxecto de tirar proveito dos cartos públicos fose posible. Porque sen coñecer as estruturas económicas establecidas durante o franquismo non se poden entender as claves que levaron a un réxime democrático controlado –incluídas as autonomías- como foi o da constitución de 1978.

Con todo, esta obra ofrece elementos dabondo para poder situar as décadas centrais do século XX en España, especialmente naqueles aspectos que por obvias razóns quedan máis lonxe no tempo. E animamos a encher ese baleiro da historia económica do franquismo, un réxime que ben se podería chamar de Franco Babá e os corenta ladróns.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS