Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 13.12.2017 Actualizado 17:49
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Unha placa lembra xa a Miguel Ángel Blanco en Santiago

Feijóo apela a "non esquecer" ás vítimas do terrorismo // María del Mar Blanco reivindica "memoria, verdade e xustiza" nun acto no que participaron representantes de PP, PSdeG e En Marea

SANTIAGO. EP  | 05.12.2017 
A- A+

A Praza da Constitución de Santiago de Compostela alberga xa unha placa en memoria de Miguel Ángel Blanco, o concelleiro de Ermua de ascendencia galega asasinado pola banda terrorista ETA o 13 de xullo de 1997 e das vítimas do terrorismo, cuxo recordo reivindicou este martes o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

"Ningunha ideoloxía que se apoie realmente na democracia pode apuntarse ao esquecemento", proclamou Feijóo, despois de descubrir a placa, nun acto no que tamén interviñeron o alcalde de Santiago, Martiño Noriega (Compostela Aberta), e a deputada popular e irmá do edil asasinado María del Mar Blanco.

A "horas" de celebrar o Día da Constitución, o presidente destacou a importancia deste acto, organizado polo Concello de Santiago, e declarouse "orgulloso" de vivir nunha Galicia que "lembra, acompaña e ten sempre presente ás vítimas do terrorismo".

Fronte a "modernas revolucións" que non supoñen "un risco" para quen as impulsa, subliñou que esta placa lembra a quen si "deron a súa vida por unha Galicia e unha España viva". E é que, segundo Feijóo, "o mínimo" que se pode facer é "converter o recordo" ás vítimas nunha tarefa "inacabada" e, por tanto, "sempre presente".

"NON É POSIBLE A EQUIDISTANCIA"

"A equidistancia dos demócratas non é posible por moito tempo que pase, nin por moitos disfraces que se poñan os que asasinaron, os que os alentaron ou os que os apoiaron porque a democracia segue en pé, en boa medida porque os que sufriron en primeira persona o terrorismo confiaron a loita contra el ao Estado de Dereito", proclamou Feijóo.

A continuación, apelou a "refugar a amnesia colectiva" sobre "todas as formas de terrorismo que ameazaron a convivencia", e tamén a "reler" a historia e animar aos fillos a que o fagan, antes de pedir que a unidade que houbo durante décadas para combater o terrorismo a haxa agora para loitar contra o esquecemento.

"SÍMBOLO DE RESISTENCIA"

Pola súa banda, María del Mar Blanco agradeceu o impulso desta iniciativa ao grupo do PP no Concello de Santiago, con Agustín Hernández á fronte, e proclamou que este acto "representa un auténtico símbolo de resistencia ante o uso da vida humana por parte dos fanáticos", pero tamén "un símbolo de constancia" que permitirá o recordo dos que padeceron a secuela do terrorismo.

"Un emblema de memoria viva", resumiu a irmá do edil asasinado, quen lamentou as décadas en que España tivo que sufrir os ataques de ETA e como agora padece outras formas de terrorismo. "ETA non só deixou de matar coa chegada da democracia, senón que o fixo con maior intensidade e crueldade se cabe", lamentou.

Con este "emotivo acto", interpretou que se fai, ademais, "unha clara defensa" do denominado 'espírito de Ermua'. "Miguel Ángel continúa na conciencia e no corazón da xente de ben", celebrou, satisfeita por que o seu irmán siga sendo "un referente" na sociedade.

"Nestes momentos nos que ETA deixou de matar, pero non o esquezamos, non de existir, debemos ocuparnos de que a memoria de quen loitaron contra o terrorismo perdure no tempo sen que se esqueza o que se fixeron para defendernos a todos e á democracia", apelou.

Finalmente, despois da derrota "policial" da banda terrorista, esixiu "a disolución incondicional de ETA e o recoñecemento do dano causado". "Non valen nin as présas nin os atallos, non poden seguir dando leccións a quen sempre estivemos á beira da lei, da liberdade e da democracia", advertiu, antes de concluír que, "máis que nunca", existe a obrigación de "escribir a historia da verdade do ocorrido".

"E que non sexan outros os que a reescriban ao seu antollo", contrapuxo, convencida de que son os demócratas os que deben escribir "a historia do final do terror, a última páxina con memoria, verdade e xustiza" como "legado de liberdade para futuras xeracións".

CINCO PEGADAS DO TERRORISMO

Tanto Martiño Noriega, que reprobou todas as formas de violencia durante a súa intervención, como María del Mar Blanco e Feijóo tiveron "un recordo especial" para vítimas de actos terroristas ligadas a Santiago Manuel Vázquez Cacharrón, Pedro Cabezas González, Constantino Limia Nogueiras, María Mercedes Domínguez Rodríguez e Ricardo Couso Río.

"Cinco pegadas do terrorismo que quedarán para sempre nas rúas de Santiago", concretou o presidente galego, quen agradeceu a presenza no acto dos portavoces parlamentarios de PPdeG, Pedro Puy; PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga; e En Marea, Luís Villares --aínda que a este último inicialmente non o viu--, así como de membros presentes das súas respectivas formacións.

No acto, ao que tamén acudiron deputados estatais do PP e o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, entre outros, non participaron dirixentes do BNG, formación non favorable á iniciativa para colocar esta placa que no seu día impulsou o PP local. Fontes do BNG compostelán incidiron, ademais, en que Rubén Cela e Goretti Sanmartín tiñan "outros compromisos" e decidiron non asistir.

A placa, situada na Praza da Constitución (próxima ao Parlamento de Galicia), conta con outro elemento conmemorativo da Carta Magna situado á beira.

O seu texto lembra o asasinato do edil de Ermua, e de todos os veciños de Santiago e resto de persoas que "deron a súa vida polas liberdades públicas" e que foron "vítimas do odio e da intransixencia daqueles que lexitiman a forza, a violencia e o medo para cambiar a vontade popular".

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS