Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Mércores 03.09.2014  | Actualizado 01.53

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CARTAS BOCA ARRIBA

Unha viaxe no autobús urbán

DIANA VARELA PUÑAL  | 16.08.2011 
A- A+

Non sempre acontece, as viaxes nos autobuses urbáns adoitan ser anodinas e un silencio reconfortante, sobre todo durante as fins de semana, paira, nada que ver co batifondo dos días lectivos. De luns a venres calquera tipo de conversa, sintomatoloxía ou problemática, por máis estraña que pareza, ten cabida no cubículo incómodo e apretado do carro. A variedade temática está, amáis doutros factores ateigados de fondo interesese sociolóxico, determinada pola estación na que esteamos. Agora ben, ó longo deste curso os debates máis acalorados desenvolvéronse ó redor das medidas adoptadas polo goberno de turno para ver de mellorar á larpeira da crise económica, neo-representación mitolóxica dunha deusa malvada, aceptada de modo unánime.

Outra das variantes pode vir da man do último invento que a compañía de transportes ideou para entreter ós pacientes pasaxeiros. Unhas pantallas de última xeración, colocadas en lugares estratéxicos do auto, nas que se recollen as portadas dalgúns xornais, pero sobre todo, das revistas do corazón. Calquera dos titulares pode dar pé a un encendido debate. O devezo da xente polos programas “rosas” é un misterio difícil de enxergar na súa dimensión máis profunda. Se Marx erguera a cabeza!, hai anos que a relixión deixou de ser o opio do pobo, o fatal alucinóxeno é a prensa do corazón. Tanto ten o problema sentimental que se dirima, o importante é que a discusión chegue a unhas cotas de surrealismo tan elevadas, que nunca antes foran vistas no mundo poético ou das artes en xeral. Só estes novos chamáns son quen de reportalas. Chega un punto no que o espectáculo é tan alucinado ou alucinante, que ó cabo de dous ou tres minutos abrolla o éxtase desexado dun modo máis fácil e sobre todo máis barato ca outra clase de sustancias, tamén quizáis máis sinxelo de aplicar, malia que os efectos secundarios a nivel cerebral non difiran especialmente. Incluso o aspecto físico pode verse influenciado polo seu consumo.

Así e todo, a caída do imperio Murdoch debería telos preocupados. Xa tarda que se comecen a descobrir os parecidos métodos doutros magnates do pozo negro, nin rosa nin amarelo, de moda. Sen chegar ós estremos do tabeirón australiano, vexan o panorama da prensa, escrita e televisiva, máis demandada. Algúns dos xornais líderes en vendas son propaganda do mellor postor, normalmente complexo, bi ou tricéfalo. Incluso a crítica literaria hai tempo que é un ente cuasi divino, do que todos falan pero ninguén coñece, polo de crítica, digo. Salvando honrosas excepcións. Xa o constatou Juan Goytisolo: “Reseñas inocuas que nada din do libro que supostamente analizan, entrevistas extensas a autores nas que estes explican os seus libros…, anécdotas e máis anécdotas vividas ou escoitadas polo vivaz xornalista de turno. Unha comprobación impónse: o importante é o autor e non a obra…” A prensa do corazón invadiuno todo. Así e todo, o cuestionamento dos métodos de Murdoch dá un chisco de esperanza. Que algúns vaian poñendo as barbas a remollo.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS