Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ABERTOS AO GALEGO

Unhas 70 empresas únense a unha rede de comercios e servizos en lingua galega

A iniciativa é da Mesa pola Normalización, que pretende ademais "estimular que a cidadanía aposte por un consumo responsable no noso idioma, de xeito que este se converta nun factor máis á hora de escoller un determinado produto

SANTIAGO. EP  | 26.10.2011 
A- A+

Unhas setenta empresas de varias localidades de Galicia sumáronse á iniciativa 'Abertos ao galego', impulsada por A Mesa pola Normalización Lingüística, que pretende conformar unha rede de comercios e servizos que apostan "polo galego" e "un consumo responsable" na lingua propia da Comunidade Autónoma. 
Segundo destacou o presidente da asociación, Carlos Callón, este mércores celebrarase a entrega dos primeiros distintivos a varias das empresas que xa forman parte do proxecto, para despois comezar un itinerario de presentacións comarcais da iniciativa co fin de sumar adhesións. 
Esta rede clasifica as empresas que a conforman en catro niveis, dende o máis básico destinado a aquelas que non usan" o galego pero que se poñen obxectivos para incrementar a súa presenza, ata o nivel 4, que integra empresas que usan interna e externamente a lingua propia "e demandan o galego á Administración". 
"Cada ano faremos unha verificación de como vai evolucionando a súa situación", sinalou Callón. Así mesmo, outro dos obxectivos será "estimular que o conxunto da cidadanía aposte por un consumo responsable" en lingua galega, de modo que o idioma se converta nun factor máis á hora de escoller un determinado produto. 
Ademais, elaborarase un catálogo en liña "de todas estas empresas", entre as que se atopan pubs, editoriais, xoiarías ou tendas de roupa. Entre elas crearase unha rede "de intercambio de experiencias" para solucionar dificultades á hora de utilizar o galego nas súas relacións internas e externas. 
Deste modo, incidiu Callón, "haxa ou non apoio público" poderase intentar "entre todos" que isto "sexa unha realidade", compartindo recursos e accións na medida das súas posibilidades.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS