Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 18.10.2018 Actualizado 20:34
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

A Unión Europea á deriva

MANUEL MERA  | 26.09.2018 
A- A+

Dende a traxedia que significou a Segunda Guerra Mundial, Europa occidental nunca estivo nunha conxuntura tan grave, na que toda a orde económica, social e política, está en xogo. O crecemento da débeda soberana, a nova burbulla inmobiliaria, a uberización do traballo, as sancións e aumentos arancelarios impostos polos Estados Unidos, o medre do prezo da enerxía, o brexit, a confrontación pola inmigración, a diverxencia de criterios respecto de Rusia, o crecemento da desigualdade e da precariedade, amosan a profundidades das contradicións sociais e de intereses entres países. Non podía ser doutro xeito, como teñen denunciado moitos analistas, a Unión Europea esta integrada por países con situacións de partida moi distintas, que a imposición de regras comúns non fixo máis que agravar, máxime cando estas están deseñadas en función dos intereses dos estados máis fortes. A moeda común e o aumento da dependencia militar dos Estados Unidos deu pulo a estas contradicións.

Ademais, o alargamento e prioridade do mercado único fortaleceu ás grandes corporacións, que eran as que estaban en mellores condicións para competir neste ámbito, en prexuízo tanto da pequena empresa como dos territorios subalternos. Esta é a razón pola que se acelerou, por exemplo no caso galego, o control dos sectores estratéxicos e das empresas máis dinámicas por parte do capital foráneo e aumentou o consumo de produtos feitos no exterior, ben sexa por parte de empresas centro-europeas ou de Madrid e Barcelona (China representa unha fracción pequena no caso galego).

É verdade que esta tendencia, que daba folgos á explotación social e opresión nacional, xa existía de antes, xa que é consubstancial co capitalismo e modelos anteriores, mais recibiu un impulso definitivo polas políticas da Unión Europea, que ademais teñen un carácter predominante, segundo os tratados. A UE predicou e deu azos á globalización neoliberal, tanto no ámbito económico, como laboral e cultural, en detrimento dun modelo máis sustentábel, autocentrado e onde primase a soberanía nacional, popular e democrática. Esta dinámica, que tivo seu correlato no eido laboral, social e cultural, por exemplo nos subterfuxios para afogar a loita de clases e ás reivindicacións nacionais, consideradas un atraso en contraposición co cosmopolitismo e a meritocracia (predicado no Erasmus).

Unha política que terminou por dar folgos aos movementos da dereita populista. Foi así, porque a inmensa maioría da esquerda foi incapaz de facer unha lectura correcta destes cambios estratéxicos, das novas formas que asumía o imperialismo, do que implicaba a globalización da produción e do consumo; e polo tanto das consecuencias laborais co aumento das deslocalizacións. Ao que se engadiu unha gran man de obra de reserva, regulada en función dos intereses empresariais, para manter unha taxa constantemente alta de desemprego e subemprego, grazas a unha migración masiva forzada. O resultado foi o medre da fragmentación laboral e social, unha maior competividade polo emprego, e un aumento da precariedade e da caída dos salarios reais (ingresos laborais, impostos, prestacións públicas, produtos e servizos de primeira necesidade).

A resposta socialdemócrata a este retroceso foi intentar evitar as situacións máis graves de pobreza e marxinación, mediante programas específicos e coa transferencia de recursos públicos. Mais, dado a correlación de forzas, e a chantaxe dos grandes grupos económicos, estes programas foron costeados esencialmente cunha maior presión fiscal sobre a clase traballadora con ingresos medios, coa privatización de servizos públicos esenciais e a diminución de prestacións, como as pensións e o seguro de desemprego. Ou sexa que, para alén da propaganda non deron o resultado esperado, abriron unha fenda na clase traballadora e puxeron en cuestión a que obxectivos servía á esquerda.

Os cambios e a crise amosaron que o capitalismo non se pode humanizar, cando menos con medidas que non cuestionasen algúns dos seus piares esenciais. Tal como o evidencia o aumento constante dos beneficios empresariais e a concentración da riqueza. Hai estudos da CEPAL, respecto de América Latina, onde se analiza o efecto sobre a redución da pobreza dos salarios e dos programas específicos, nos que se demostra que tanto antes como durante a crise, os salarios representaron 2/3 da diminución da taxa de pobreza na rexión. Unha análise que sen dúbida tamén é valida para o noso contexto, e que fai do traballo e dos salarios un aspecto central da loita a prol da xustiza social.

A tendencia xeral amosa unha deriva regresiva da Unión Europea, carente dun proxecto propio que sirva á maioría social, ou cando menos que sexa quen de reducir a desigualdade e precariedade,e rebaixar as contradicións entre os estados que a integran. Tal como reflicte en acontecementos, onde nen sequera se manteñen as formas, como a confrontación respecto da cuestión migratoria entre os ministros de Luxemburgo e Italia, ou o baleiro realizado á primeira ministra británica na último cumio da Comisión Europea, a inxerencia nos asuntos internos de Hungría ao pretender quitarlle o voto na Comisión, a proposta do Parlamento Europeo; ou a intención de intervir en Polonia polo conflito de competencias co poder xudicial. Son diferenzas e decisións de moita entidade e moi graves, que mesmo entran na ofensa persoal. Ás que se lle suman o antecedente das políticas agresivas contra Grecia por mor da débeda pública e privada, con consecuencias dramáticas sobre os salarios, pensións e prestacións sociais.

Son contradicións que dende a Unión se pretenden solucionar, por uns gobernos, dando máis poder a organismos supra-nacionais, carentes de lexitimidade democrática, e por outros, querendo recobrar as competencias nacionais. Porén ambas fraccións das clases dominantes, para alén das diferenzas nas formas e de realizar ou non reformas menores, non están dispostas a facer cambios significativos a un sistema que está esgotado. Polo tanto coinciden en manter a democracia no aspecto formal para contar coa máxima complicidade social, así como en limitar os mecanismos para exercer a protesta social e impedir o dereito de autodeterminación (les de excepción, lei “mordaza”, limitacións da negociación colectiva, mecanismos para excluír as minorías das institucións e medios de comunicación).

En resumo, os conflitos actuais da UE pouco teñen que ver cos retrocesos sociais e democráticos, son produto dos distintos intereses económicos da gran burguesía, tanto no interior como nas áreas de influencia no exterior, e tamén coas liortas polo poder económico e politizo. Se a iso sumamos que Trump está axitando as augas da confrontación en todos os ámbitos, para volver á supremacía estadounidense dos anos 90, todo evidencia que a UE ten un futuro complexo. Agora ben, este contexto será máis positivo ou negativo para as clases populares, e ás nacións subalternas, dependendo da súa capacidade mobilizadora, da folla de ruta, da mensaxe, e da iniciativa... E de que se impoña un mundo multipolar.

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS