Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Martes 03.05.2016  | Actualizado 21:29

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS
  • Imprimir
  • Enviar por correo

A Universidade de Vigo captou en 2011 máis de 23 millóns de euros procedentes de I+D+i

Os contratos con empresas crecen máis dun 30 por cento e alcanzan os 9,5 millóns de euros

VIGO. EP  | 16.03.2012 
A- A+

A Universidade de Vigo captou en 2011 un total de 23,11 millóns de euros procedentes de I+D+i, fondos logrados a través de proxectos concedidos a grupos de investigación, contratos de I+D con empresas --o apartado polo que se conseguiron maiores ingresos--, a facturación do Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación (Cacti) e ás diversas actuacións institucionais levadas a cabo.

O reitor vigués, Salustiano Mato, presentou este venres os resultados de I+D+i relativos a 2011 e destacou que malia a "forte baixada" do número e contía das convocatorias de axudas por parte das administracións autonómica e central, a institución académica conseguiu "manter o tipo e iniciar unha senda de crecemento".

Nese sentido, destacou especialmente a contratación de I+D con empresas, a cal supuxo 9,5 millóns de euros en ingresos, rexistrándose neste apartado a maior das partidas de ingresos externos da universidade en I+D.

Segundo explicou Mato, malia a situación económica en estado "comatoso", a evolución da contratación "experimentou un incremento superior ao 30 por cento", e sobre todo no último ano. De feito, fronte aos 9,5 millóns de 2011, lográronse 7,1 millóns en 2010 e 7,3 en 2011.

En total, o pasado ano asináronse 205 contratos, 1.485 informes e 18 cursos para empresas. Ao respecto dos ámbitos, houbo contratación en todos eles, se ben o tecnolóxico é onde se rexistra a maior demanda.

"PODER CRECER"

Con estes datos, Mato apostou por que a universidade siga consolidando esa senda e continúe traballando duro para "poder crecer", ao tempo que fixo un recoñecemento á dedicación dos investigadores e profesores. Así mesmo, recordou que a contratación con empresas repercute no crecemento económico e o mantemento do emprego.

En canto ás achegas procedentes dos proxectos de investigación de grupos da universidade, estas superan os 8,8 millóns -é a segunda maior partida- mentres que a facturación do Cacti foi de 252.000 euros.

ACTUACIÓNS INSTITUCIONAIS

No que respecta ás actuacións institucionais, suman un total de 14,5 millóns de euros no período 2010-2011. Entre elas destacan os denominados proxectos institucionais, cos que se captaron máis de 8 millóns na súa maioría das achegas para a iniciativa de excelencia Campus do Mar.

Salustiano Mato destacou como "novidade" que a universidade tivo resultados de proxectos "pedidos de forma institucional" e recordou que, ás achegas do Campus do Mar, se sumarán no futuro as doutras iniciativas como Vigo Tecnolóxico ou o Campus da Auga de Ourense.

En todo caso, tendo en conta a situación económica española, avogou por "mirar a Europa", tendo en conta ademais que a taxa de éxito dos proxectos que presenta a institución académica é do 40 por cento cando a media rolda o 25 por cento.

PATENTES E 'SPIN-OFF'

A produción de patentes na Universidade de Vigo permanece estable, pois a media está entre as 15 e 20 ao ano e en 2011 presentáronse 15 solicitudes, 13 delas nacionais e dous internacionais.

En canto ás 'spin-off' --empresas de base tecnolóxica-- nos últimos cinco anos creáronse 13 sinaturas, unha delas en 2011, e, no mesmo período, asesorouse máis de 100 emprendedores.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS