Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Domingo 19.05.2013  | Actualizado 17.06

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Santiagoteespera.com
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

DEIXA A SECRETARÍA XERAL, PERO SEGUE NA DIRECCIÓN

A UPG pecha a 'era dos coroneis' co retiro parcial de Paco Rodríguez, o Darth Vader que controlou con man de ferro o nacionalismo

O líder da formación hexemónica do Bloque non quere facer autocrítica e saca peito coa formación "máis democrática do Estado español e da Unión Europea"//Di non ter preferencias sobre o seu sucesor, que será elixido este domingo en Santiago, no congreso do "cambio tranquilo"

EDUARDO CARBALLO  | 16.06.2012 
A- A+

Paco Rodríguez poralle fin este domingo a doce anos de liderado férreo da UPG, a formación hexemónica do Bloque, que pechará -formalmente, cando menos- a 'era dos coroneis' e deberá xestionar a crise do nacionalismo galego, tras a escisión máis importante da súa historia, por moito que Rodríguez e o núcleo duro da U intenten minimizar o impacto da saída de Beiras e os seus irmandiños e da maioría dos militantes de Máis Galiza. O Darth Vader do nacionalismo, o profesor de Lingua e Literatura Española que xa dende antes de ocupar a secretaría xeral da UPG, hai doce anos, movía os fíos do Bloque e socavaba a influencia de Xosé Manuel Beiras entre as bases do Benegá, protagoniza un retiro parcial e seguirá na dirección da U para gobernar dende a sombra, con comodidade, como a el lle gusta -"dotes de mando non teño, autoritarismo nulo", dixo na súa despedida pública, este venres-, malia que a cúpula upegalla intente vender este lavado de cara -un arranxo de chapa e pintura, sen tocar o motor, pensan os analistas, á espera de coñecer o sucesor- como un cambio tranquilo e xeracional.

O propio Rodríguez fíxose un autorretrato á medida no seu adeus público: "Tardei moitos anos en ter un cargo institucional. Cando os tiven, foi por anuencia e non creo que os desempeñase mal. Estou agora con 66 anos, non teño ningún cargo, nin o quero, nin me interesa". Debaixo desta fachada, agóchase unha realidade incontestable: nada se moveu no BNG nos últimos lustros sen o plácet do licenciado en Filoloxía Románica. Contra o seu sólido muro de lealdades esnaquizáronse os intentos de Beiras, primeiro, e Anxo Quintana, despois, de abrir o Bloque a sectores máis amplos da sociedade galega. De feito, tanto Beiras como 'Quin' foron forzados a abandonar o seu liderado e ambos os dous -cada un coas súas circunstancias, moi distintas- están hoxe fóra da fronte.

Xenio e figura, fiel á súa laberíntica maneira de entender e de practicar a política, Paco Rodríguez dá un paso atrás pregoando un balance pouco menos que triunfalista, no que a autocrítica brilla pola súa ausencia -nega calquera responsabilidade do seu partido na peor crise na historia do Bloque-, con continuas referencias ao inimigo exterior e presumindo dunha democracia interna que poucos perciben na sociedade galega, malia que pon o foco non na U, senón no BNG, a formación "máis democrática do Estado español e da Unión Europea".

Ao redor de mil cen militantes decidirán este domingo en Compostela quen sucederá ao derradeiro 'coronel'. A elección marcará con precisión o calado da remuda. Rodríguez non quixo dar ningunha pista diante da prensa sobre as súas preferencias -"hai cinco ou seis persoas de distinta idade e sexo, todas con don de xentes", limitouse a comentar-, mentres que nas quinielas aparecen destacados Martiño Santos, Roberto Vilameá e Francisco García, o alcalde de Allariz. En principio, este último é o mellor situado se triunfan as teses dunha remuda conciliadora. García ten asento na executiva do Benegá e co ex conselleiro Suárez Canal forma parte do clan alaricano, ortodoxo, si, pero tamén aberto a ensaiar vías para agrandar a base electoral do Bloque. A elección de Vilameá significaría a victoria do sector máis continuista da UPG.

En calquera caso, a xubilación parcial de Paco Rodríguez -que nunca disimulou a súa nula química con Beiras, malia algunha aperta en clave interna- ábrelle a porta á reconstrucción das pontes na familia nacionalista, a expensas do que ocorra co Novo Proxecto Común e do que dictaminen as urnas este outono (entre outubro e marzo, calquera mes). O que está claro é que algo terá que cambiar na UPG coa marcha -a medias?- dun político que abomina dos liderados carismáticos e que controlou o nacionalismo con man de ferro e con receitas de inamovible ortodoxia. Mentres, Galicia seguíu ao seu.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS