Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 20.09.2019 Actualizado 20:16
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

DENDE AS ONDAS

Urdangarín

ANTONIO GUTIÉRREZ  | 28.02.2012 
A- A+

Iñaqui Urdangarín prestou declaración perante o xuiz nunha sesión tan maratoniana que precisou dous días. Case necesitou él máis tempo para explicar a súa actuación á frente do Instituto Nóos do que cómpre para ler os dous volumes do Quixote, nada pequenos por certo, nas celebracións do Día do Libro. Se unha anciá dunha calquera das nosas vilas votase unha décima parte dese tempo no confesonario sería motivo de rumores e contos sen fin durante meses. Anque se lle imos facer caso ao xuiz Castro, para o que Undangarín contou e dixo lembrar abondaba cun par de minutos.

 

O duque de Palma está moi desmellorado. Ten mala cara e semella que está a atravesar un auténtico purgatorio. Non me alegro, porque os ben nacidos nunca nos felicitamos do mal alleo. O único que quero é que a Xustiza faga o seu traballo. É dicir, que o xuíz trate ao xenro do rei como a calquera outro cidadán, que busque toda a verdade con métodos lexítimos e que todo saia á luz.

 

Son republicano por convicción democrática e ideolóxica. Pero tamén por un anti borbonismo cultural, alimentado dende o bacharelato co estudo dos libros de historia do currículo escolar e ratificado máis tarde coas monografías ao uso. Ninguén que lera catro liñas sobre esta familia a partir de Carlos III pode xustificar o mantemento do anacrónico privilexio de herdar a Xefatura do Estado. Dende tan lonxanos tempos ningún Borbón fixo nada que xustifique a coroa. Nin sequera na tan cacarexada noite do 23F. Así que estou con Cayo Lara cando afirma irónicamente que Urdangarín fai máis pola República que moitos militantes de Izquierda Unida. O que tampouco é moito dicir. Ata o de agora a auto proclamada esquerda hispana non experimentou ningunha contradicción interna nin tivo problema en compaxinar o seu presunto republicanismo co apoio á monarquía. Pero esa é fariña doutra fornada.

 

Quero crer que efectivamente Urdangarín será tratado coma un cidadán máis. E que será condenado sen rebaixas se as probas así o determinan. Anque esta confianza se vise mermada tralas desafortunadas declaracións da voceira do Consello Xeral do Poder Xudicial nas que recoñecía que non todolos imputados son iguais. Paréceme preocupante que ainda sega no cargo. Pero sigue.

 

Polo demáis, resúltame inconcebible que a filla do rei ainda non fose chamada a declarar. Calquera muller sabe o que entra na súa casa e de onde proceden os bens que disfruta. E se non o sabe, pregunta. As nosas nais nunca tiveron a oportunidade de estudar, pero coñecían de memoria o patrimonio familiar. É incrible que unha muller de hoxe, formada, ignore de onde lle ven a mansión de Barcelona, o piso dos EEUU, o ritmo de vida, os colexios de millonarios para os nenos… Simplemente non é críble.

 

E a pesar de todo hai que dicir alto e claro que Urdangarín goza da presunción de inocencia. Será culpable se así o dictamina un tribunal, e nunca antes. Eses son dereitos inalienables que emanan do Estado de Dereito e que ninguén pode conculcar baixo ningún concepto. Por iso os cidadáns que ousan xulgado son uns miserables. E os covardes que o insultaron á entrada dos xulgados amparándose na masa son uns fascistas. Con independencia de que Urdangarín sexa culpable.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS