Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Venres 28.11.2014  | Actualizado 14.16

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS
  • Imprimir
  • Enviar por correo

A VOZ A TI DEBIDA

Urxente!: Avala a democracia

JORGE M. DE LA CALLE  | 13.10.2011 
A- A+

De entre as moitas e moi inxustas eivas do noso sistema “democrático” está, e moi nomeadamente, o noso sistema de representación electoral, a chamada Lei Electoral, que beneficia os partidos maioritarios ao basearse na tan denostada como pouco debatida Lei d’Hont. A Lei Electoral, e a que a ten a misión de cumplila, a Xunta Electoral, son tan inxustas e arbitrarias que cabería dicir que nin sequera a única arma de participación que nos deixan en democracia é plenamente efectiva. Exemplo do surrealismo ao que poden chegar as decisións deste “comité de sabios” que ninguén sabe moi ben como chegaron aí, foi a de dicirlles nas últimas eleccións municipais aos veciños dunha aldea de Ourense que, dado o empate técnico entre dous partidos, en vez de repeti-los comicios, e sabendo que puidera haber un erro no escrutinio, botaran a sortes o alcalde que os ía gobernar. Ese é o criterio dos que manexan os fíos da democracia. Ó chou, cando non directamente en contra da democracia mesma, e do lexítimo dereito dxs cidadáns a expresarse, como cando prohibiron as reunións e acampadas de indignadxs nas prazas durante a xornada de reflexión e o día dos comicios. Menos mal que os cidadáns non cederon, e entenderon que a conciencia estaba por riba da legalidade.
Pero non é diso do que vou  falar aquí, senón dalgo máis urxente, pragmático, necesario, aínda que tamén fondamente ético. Máis que á reflexión, unha chamada á acción, tan sinxela como as recollidas de sinaturas que tódolos días nos “asaltan” na rúa ou chegan ata o noso correo, en prol de causas máis ou menos xustas. E que máis xusto que avalar a democracia. Unha desas eivas á que facía referencia é a última medida que se sacaron da manga os partidos maioritarios (popularmente denominados “o PPSOE”) para mermar aínda máis a representación e mesmo existencia dos partidos minoritarios. Se ata agora era difícil acadar un escaño nunha provincia, agora vaino ser moito máis. Agora os partidos minoritarios deberán presentar unha porcentaxe de sinaturas (o 0,1% do censo de cada circunscripción) en forma de avais para poder presentárense aos próximos comicios. “Para as vindeiras eleccións xerais do 20 de novembro, os partidos maioritarios (PP, PSOE, CiU e PNV) decidiron que a democracia non era para todo o mundo, que os partidos minoritarios creceron demasiado (máis do 5% no seu conxunto) e que non tes dereito a votar a quen queiras”, reza o texto de presentación da páxina  web www.yoavalo.org, unha iniciativa creada por Pirates de Catalunya para axudar a conseguir eses avais vía electrónica e, de paso, concienciar á xente sobre o discriminatorio desta nova medida en contra da democracia mesma.
Establece o artigo 169.3 da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral (LOREX): “Os partidos, federacións ou coalicións que non obtiveran representación en ningunha das Cámaras na anterior convocatoria (…) necesitarán a sinatura, alomenos, do 0,1% dos electores inscritos no censo electoral da circunscrición pola que pretendan a súa elección. Ningún elector poderá emprestar a súa sinatura por máis dunha candidatura”. Esta “contrarreforma” da normativa electoral supón que as candidaturas sen representación actual no parlamento estatal deberán achegar o 0,1% do censo en forma de avaladores para poderse presentar ás eleccións xerais, polo que máis do 90% dos partidos que se presentaron nas anteriores eleccións xerais necesitarán gastar moitos recursos, tempo e diñeiro, a fin de cumprir as novas condicións.  Xa o vimos polas rúas das nosas cidades: rápidamente, xs compañeirxs dunha chea de formacións minoritarias, pero igual de lexítimas ou moito máis que o tándem PP-PSOE, desafiaron o tempo
a contracorrente, as inclemencias climatolóxicas e as incomprensións de moitxs e plantaron a mesa para informar á intemperie axs cidadáns e recoller sinaturas que garantisen a súa visibilidade. Moitxs xa as recolleron, pero a outrxs aínda lles quedan. Precisamente por iso, e porque o prazo remata este domingo día 16, debemos apoialos e avalalos coa nosa simple sinatura, porque iso implica apoiar e avalar a democracia mesma. Unha sociedade con só dous partidos é, ademais de nada plural, tendente ás oligarquías, e polo tanto aos abusos, as concentracións de poder, o caciquismo, a prevaricación, a corrupción, a falta de representatividade e control dxs políticxs…

Xa non podes avalar mediante a páxina www.yoavalo.org, porque o prazo de recollida de apoios a través dela rematou o 15 de setembro, pero podes informarte nela dos partidos da túa circunscrición, dos avais que lles son precisos a cada un e dos datos de contacto para facerllos chegar. Só é válido un por elector, así que terás que pensalo moi ben, calibrando por exemplo os que pareza que lles falta menos para acadar o número de sinaturas recollidas. É fácil, e colaborarás ao normal e auténtico desenvolvemento dunha democracia. Como di a páxina de Pirates, “avalar unha candidatura non te compromete a nada. Nin te obriga a votar ao partido avalado, nin a afiliarte, nin a nada en concreto. Aínda que queiras votar un partido que non requira aval, podes axudar a que outras opcións se poidan presentar, por decencia, por democracia, por xustiza”. O seguinte paso sería recoller sinaturas para abolir esta incríbel norma, outra barreira máis imposta polos de sempre á pluralidade e o san exercizo democrático.

E o 15 de outubro, lembra, ás 18 horas, manifestación internacional por un cambio global. En tódalas cidades galegas, e máis aló.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS