Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A UVigo, única institución española nun equipo de investigadores que logra secuenciar o xenoma da lura xigante

Sara Rocha, investigadora do Laboratorio de Filogenómica da Universidade de Vigo, e membro do equipo científico que logrou secuenciar o xenoma da lura xigante - FOTO: DUVI-UNIVERSIDADE DE VIGO
Sara Rocha, investigadora do Laboratorio de Filogenómica da Universidade de Vigo, e membro do equipo científico que logrou secuenciar o xenoma da lura xigante - FOTO: DUVI-UNIVERSIDADE DE VIGO

VIGO. EP  | 17.01.2020 
A- A+

A Universidade de Vigo, por medio da investigadora portuguesa Sara Rocha, do Laboratorio de Filoxenómica, foi a única universidade ou centro investigador de España integrado no equipo de científicos que logrou secuenciar o xenoma da lura xigante ou 'kraken'.

Rocha sumouse hai uns meses, da man da investigadora (tamén lusa) Rute Fonseca, da Universidade de Copenhague, a un estudo no que participaron decenas de expertos de 35 institucións de varios países. Xunta a ela traballou tamén na UVigo a bióloga portuguesa Alvarina Couto.

Este equipo logrou secuenciar o xenoma da lura xigante, e o seu traballo vén de ser publicado na revista GigaScience. Trátase dunha investigación que foi desenvolvida ao longo de varios anos, debido aos problemas coas mostras, que proceden de tecido morto e co ADN bastante degradado.

Con todo, estes investigadores conseguiron obter un xenoma de excelente calidade procedente dunha única lura localizada en Nova Zelandia, grazas ao uso de moitas tecnoloxías de secuenciación diferentes, e puideron comparalo cos demais xenomas de cefalópodos, outros invertebrados e vertebrados.

Segundo destacou a propia Sara Rocha, o xenoma é "como unha especie de manual de instrucións dun organismo", polo que o valor da secuenciación do xenoma da lura xigante "é incalculable". Eses datos, ademais, serán tamén valiosos para outros científicos.

Entre a información que se puido obter está a enorme cantidade de protocadherinas (un tipo de proteínas das que a lura xigante e o polbo teñen o dobre que os mamíferos, e tres veces máis que outros moluscos) ou que os xenes HOX (responsables dun desenvolvemento correcto do plano corporal) están máis distantes entre si que noutros animais, excepto o polbo.

Ao longo de seis meses, Sara Rocha e Alvarina Couto dedicáronse á produción de aliñamentos de miles de clústeres de xenes, entre a lura e outros animais, un traballo que foi posible grazas a unha gran capacidade computacional e co apoto do Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (CESGA).

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS