Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 23.04.2018 Actualizado 13:56
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Rexistrou máis de 34.000 actuacións

O Valedor multiplicou por 10 as súas queixas de oficio en 2017

As denuncias chegadas do ámbito rural creceron do 0,01% de 2016 até o 12% do total

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13/04/2018.- A titular do Valedor do Pobo, Milagros Otero, entrega ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, o Informe Anual 2017 da institución, este venres en Santiago de Compostela.  - FOTO: EFE/Xoan Rei
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13/04/2018.- A titular do Valedor do Pobo, Milagros Otero, entrega ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, o Informe Anual 2017 da institución, este venres en Santiago de Compostela. - FOTO: EFE/Xoan Rei

SANTIAGO. EP  | 13.04.2018 
A- A+

O Valedor do Pobo abriu en 2017 un total de 224 queixas de oficio, o que supón multiplicar por 10 as 21 iniciadas no exercicio anterior. Pola contra, as actuacións de atención á cidadanía realizadas diminuíron até as 34.000 após as máis de 64.000 da cifra histórica alcanzada en 2016.

Así o recolle o informe de actividade da institución que entregou este venres a valedora, Milagros Otero, ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, e que, posteriormente, detallou ante os medios de comunicación.

En cifras xerais, as actuacións de atención á cidadanía que realizou a institución en 2017 (queixas, atención telefónica e presencial), foi de 34.415. Delas, 29.365 deron lugar a expedientes de queixa, o que permitiu ao alto comisionado parlamentario investigar un total de 2.359 situacións problemáticas. O 99% foron presentadas por residentes en Galicia.

Estas cifras son significativamente inferiores ás do ano 2016, nas que o Valedor alcanzou o record de 64.937 actuacións, en parte debido ao elevado volume de consultas xeradas polo Hospital Álvaro Cunqueiro.

En canto ás queixas de oficio, as 224 do ano pasado contrapoñen coas 14 de exercicios como 2009 ou 2003, ou as 15 de 2015. Do total, 205 facían referencia á área de servizos sociais, catro a educación, catro a transparencia, tres a xustiza, tres a agricultura, dúas á sociedade da información e unha ás áreas de emigración, administración económica e transportes e menores.

Entre elas, Milagros Otero mencionou as relacionadas co prezo dos comedores escolares, as cotas de pesca, a polilla da pataca, a adxudicación da risca, a tardanza nas valoracións de dependencia ou a AP-9.

AUMENTO NO RURAL
Sobre as actuacións de 2017, a valedora destacou o aumento "exponencial" de queixas recibidas desde ámbitos rurais, que pasaron do 0,01% do ano anterior ao 12% das recibidas en 2017.

Milagros Otero eloxiou en particular esta evolución e confirmou que 2017 supuxo "o impulso decisivo" do acceso da institución ao ámbito rural.

A "preocupación" por achegar o Valedor ao ámbito rural levou á institución en 2017 a remitir comunicacións a 200 municipios de menos de 5.000 habitantes para coñecer os seus problemas, un proceso que confían en continuar.

Entre os ámbitos que manifestaron maiores problemas no marco local está a limpeza dos montes, o transporte público, o deficiente servizo eléctrico ou telefónico, a falta de persoal en centros sanitarios ou a optimización de terras de pasto, entre outras cuestións.

Durante o ano pasado, a institución admitiu o 98% das queixas achegadas pola cidadanía e emitíronse máis recomendacións que en exercicios precedentes, un total de 106, o que demostra que se trata dunha "institución proactiva" No 76% dos casos, as administracións afectadas aceptaron a resolución, unha cifra tamén superior ao ano anterior.

Do mesmo xeito, Otero destacou que se produciu un "salto cualitativo" na chegada de queixas por vía electrónica (desde a páxina web do Valedor do Pobo e por correo electrónico), ao pasar do 3 por cento no exercicio anterior ao 12 por cento.

POR ÁREAS
Por áreas, as queixas presentadas fundaméntanse sobre todo en áreas como sanidade e corporacións locais, que acaparan en cada caso un 12 por cento do total, seguidas polos servizos sociais, cun 10%.

En relación ás queixas grupales, a máis numerosa, promovida por 13.000 persoas, trasladou á institución a petición dunha reforma constitucional para garantir a revalorización e a sustentabilidade do sistema de pensións, un asunto polo que a valedora mostrou a súa preocupación.

Do mesmo xeito, máis de 4.000 persoas mostraron a súa inquietude nunha queixa colectiva polo cambio de sistema de atención telefónica do Sergas, unha cuestión na que se conseguiu o "compromiso" da Xunta.

A celebración da nova selectividade tamén causou inquietude nos galegos e levou a que as queixas referidas á actuación das universidades subisen do 0,03% ao 2% das recibidas. Máis de 1.000 estudantes denunciaron ante o Valedor a tardanza en fixar criterios das novas probas de selectividade.

Por administracións implicadas nas reclamacións, o 74,5% das queixas afectaron a órganos da administración autonómica (en 2016 ocuparan o 98%), o 23% a concellos (ano anterior o 1,5%) e algo máis do 2% ás universidades galegas (en 2016, o 0,03%).

LUMES
Durante 2017, dixo Otero, a institución traballou da man da Administración para flexibilizar a concesión das axudas ás persoas afectadas polos incendios rexistrados en Galicia e adaptalas aos bens calcinados.

Na rolda de prensa, Milagros Otero lembrou a súa visita a partes queimadas de Galicia para estar "á beira" dos cidadáns.

Do mesmo xeito, reiterou o seu "apoio incondicional" ás cuestións relacionadas coa discapacidade. En concreto, o pasado ano a institución terminou un informe extraordinario sobre accesibilidade que será presentado proximamente na Comisión de Peticións do Parlamento de Galicia, en torno ao mes de xuño.

Na súa intervención, a valedora mencionou tamén a reivindicación feminista do pasado 8 de marzo, que produciu "un punto de inflexión" con respecto á muller e ao seu dereito á igualdade.

A valedora lembrou que é necesario "facer máis" para cambiar estruturas e fomentar a corresponsabilidade real en Galicia. "Son necesarias políticas sociais e económicas de apoio á muller e ás familias, pois sen nenos ningunha política pública ten futuro", sentenciou.

Finalmente, o "firme compromiso" que a institución mantén coa transparencia supuxo para a institución recibir por segundo ano consecutivo o premio Transparencia Publica á valedoría máis transparente de España, dada a "ampla información pública difundida por medio do seu portal da transparencia".

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS