Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 14.11.2019 Actualizado 14:45
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A valedora do pobo advirte que para erradicar a pobreza hai que acabar cos seus prexuízos socioculturais

Entidades reclaman medidas en materia de "vivenda, emprego e eliminación da burocracia" para conseguir reducir este indicador en Galicia

SANTIAGO. EP  | 17.10.2019 
A- A+

A valedora do pobo, María Dores Fernández Galiño, advirte que para erradicar a pobreza é preciso acabar con "os prexuízos socioculturais" que existen ao redor das persoas que se atopan en risco de pobreza, ademais de eliminar as dificultades económicas que supoñen esta circunstancia para o 23% da poboación galega.

Este dato, publicado este mércores pola Rede Galega contra a Pobreza (EAPN), presentouse durante esta xornada ante o Valedor do Pobo para conmemorar o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, no que participaron, ademais da valedora, o vicepresidente de EAPN, Daniel Bóveda, e outras entidades, así como deputados do Parlamento galego.

Na súa intervención, Fernández Galiño, destacou que as persoas en risco de pobreza ou exclusión social, un total de 662.294 galegos en 2018, precisan de "visibilidade" para que o conxunto da sociedade poida "afrontar unha realidade" da que, a día de hoxe, "non nos decatamos".

Ademais, fixo un repaso histórico sobre a estigmatización e prexuízos existentes ao redor da pobreza e das persoas que sofren esa situación. "É un problema sociocultural, os prexuízos e a aporofobia (medo, aversión ou rexeitamento á pobreza) están instalados na sociedade, sen resolvelos non se poderá conseguir a erradicación" da mesma, advertiu.

Ao seu xuízo, resulta primordial que as "medidas económicas" veñan acompañadas doutras iniciativas "que recuperen a dignidade das persoas" e que teñan en conta a "realidade diferenciada entre homes e mulleres".

Neste sentido, a valedora subliñou a "feminización da pobreza" a nivel autonómico, estatal e europeo. "A maioría de familias en risco" son "monomarentais", xa que 8 de cada 10 fogares que se atopan nesta situación están encabezados por mulleres, segundo confirma o informe de EAPN.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL
Durante o seu discurso, Fernández Galiño tamén aludiu á declaración institucional que anunciou o Pazo do Hórreo este xoves respecto da conmemoración deste día e sobre o que apuntou que "as persoas non son culpables da súa pobreza", con independencia da súa orixe, sexo ou idade e que "ninguén é culpable do seu sufrimento. Non o son as mulleres vítimas de violencia de xénero nin calquera persoa pola súa orientación ou identidade sexual".

Con este documento os deputados galegos tamén lembraron que a día de hoxe experiméntase "unha crecente evolución dos prexuízos, estereotipos, intolerancia e ata desprezo" cara ás persoas que sofren este risco.

De feito, o texto apunta a que "os delitos de odio en España incrementáronse case un 93% dende 2011 a 2015" e que, só nas redes sociais, entre 2015 e 2016 este tipo de delitos "creceron nun 82% segundo a Fiscalía Xeral do Estado".

VIVENDA, EMPREGO E BUROCRACIA
Pola súa banda, o vicepresidente de EAPN Galicia, Daniel Bóveda, incidiu en tres aspectos que "implican esforzos" e "coordinación" dende as administracións públicas.

Para a súa entidade, o acceso a unha "vivenda digna" resulta "prioritario", así como a loita contra "a exclusión residencial, o chabolismo e a infravivenda".

Así mesmo, que as persoas poidan optar "a un emprego non precario" e combater a "crecente e asfixiante burocracia", que tamén catalogou de "violencia administrativa", conforman outros dous alicerces para poder erradicar a pobreza na Comunidade.

"En Galicia non queremos políticos que rendibilicen un discurso de odio", reclamou. Igualmente, pediu aos deputados do Parlamento que "non cedan ante os discursos de aporofobia, racismo, contra o colectivo LGTB+ e ante os que negan a violencia de xénero".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS