Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 18.10.2017 Actualizado 21:16
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

SORPRENDENTES DECLARACIÓNS DO SECRETARIO XERAL DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA

Valentín García cuestiona o peso do ensino público como piar da aprendizaxe de idiomas

Asegura que só o 4% da cidadanía fala galego polo que aprende na escola//Critica a manifestación de Queremos Galego contra o decreto: "Estar detrás da pancarta non é unha boa imaxe para o galego"

SANTIAGO. EDUARDO CARBALLO  | 02.02.2013 
A- A+

O secretario xeral de  Política Lingüística, Valentín García, comezou febreiro cunhas declaracións explosivas, a máis sorprendente que só 4% da  cidadanía fala galego polo ensino e que os factores que máis inflúen  ao se decidir por unha lingua son a familia, o lugar de traballo, a  parella ou o grupo de amigos co que se socialice. Con este sorprendente argumento co que intenta defender un decreto que quedou tocado por varias sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, García métese nun xardín perigoso e cuestiona, por non dicir que invalida, o ensino como piar da aprendizaxe de idiomas e mesmo pon na picota o plurilingüismo que o conselleiro Jesús Vázquez, o seu xefe directo, impulsa nas escolas, colexios e institutos públicos do noso país.
    Despois da manifestación do pasado domingo en Santiago de  Compostela, pola derrogación do decreto que regula o galego no  ensino, o secretario xeral remarcou que o "desencontro" entre colectivos  "preocupados" que traballan pola lingua non é tan complicado de  resolver: "Non está tan difícil o poder chegar a un encontro",  insistiu, "outra cousa son as susceptibilidades".
    A normalización desta lingua, asegurou nunha entrevista coa Radio  Galega, que resume a axencia Efe, non "depende tanto" dun decreto que afecta unicamente o  ámbito do ensino, e, así, mencionou a xustiza, o deporte, os  concellos, ximnasios e mesmo as orquestras das verbenas, para unha  maior penetración do idioma.
    Así, aconsellou deixar de "centrarse tanto" nunha formulación que  é lexítima e sobre todo despois de que o  "95% do corpo do decreto"  pasase o filtro. Desta maneira, reiterou a necesidade de acabar  cunha "polémica que dunha forma tan seria está lastrando a política  lingüística e a actitude co idioma".
    "Estar detrás da pancarta" permanentemente, a seu entender, "é  unha imaxe que non é boa para o galego". Para un maior uso, sinalou  dous aspectos da "parte máis fermosa e divertida" de falar dous  idiomas, castelán e galego: o galego ocupa o número 20 na  utilización nas redes sociais na Internet, de 6.000 linguas que a  Unesco ten censadas, e permite unha conexión cos "habitantes da  lusofonía", ademais de que "computamos na UE como plurilingües".
    Tamén puxo a atención nas oportunidades no ámbito económico, con  premios por exemplo a nivel internacional conseguidos por editoriais  ou dentro do campo audiovisual.
    Con respecto á polémica coa chamada 'lei Wert', precisou que é "o  borrador dunha lei" e no referente á referencia á denominada  inmersión lingüística, matizou que "en Galicia non hai" e por iso "o  groso desa polémica a nós non nos afecta".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS