Hemeroteca web
|
RSS
Martes 22.05.2012
| Actualizado 12.06
![]() |
| Valentín García, sercretario xeral de Política Lingüística |
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, afirmou este mércores que, coa nova orde de axudas para normalización lingüística destinada aos concellos, reabrirán servizos por enriba dos 52 que agora están activos no conxunto da xeografía galega. Con todo, emprazou a que finalice a resolución destas axudas, o prazo de solicitude das cales rematou o pasado día 5 despois de que saíse publicada en decembro do pasado exercicio.
Foron explicacións realizadas no seo da Comisión de Educación e Cultura do Parlamento galego, na que o deputado nacionalista Bieito Lobeira censurou a actuación deste departamento autonómico, dirixido ata hai pouco tempo por Anxo Lorenzo, a quen ían dirixidas parte das críticas formuladas na iniciativa parlamentaria.
O deputado do Bloque denunciou que pecharon da orde de 15 servizos lingüísticos despois de que a Xunta non sacase as axudas para estes servizos nos prazos habituais, pero o alto cargo replicoulle que, dese total, "non todos pediron axudas", como é o caso de Aranga, Mesía ou Vilasantar; mentres que O Barco de Valdeorras "non pediu axudas dende 2009"; e outros concellos como Arzúa, Cerceda, Zas, Dodro ou Malpica "remataron os programas" coa Deputación de A Coruña.
"Esperaba que non se rese de nós na súa primeira comparecencia", manifestou Bieito Lobeira tras este argumento dado, para indicar, a liña seguida, que "hai concellos que non solicitaron axudas porque se modificaron os criterios", o cal failles "imposible, non porque non queiran", manter os servizos de normalización lingüística.
"Obxectivamente, os servizos pechan non porque non queiran, senón porque cambiaron os criterios, aseverou o deputado nacionalista, quen advertiu dificultades de municipios para asociarse con outros e para poder mancomunar este servizo, posibilidade que si existe, pero que, segundo explicou Lobeira, depende da vontade común para iso.
SERVIZOS "GUADIANA"
Non obstante, tras recoñecer na súa intervención que o "mal endémico" destes servizos é o denominado efecto "guadiana", é dicir, que aparecen e desaparecen en función das axudas, Valentín García sinalou que haberá novos servizos despois da resolución das axudas, como unha mancomunidade en Tui --asociada con concellos como Oia, Tomiño ou A Guarda--, ou en A Peroxa, así como en A Porqueira-Sandiás.
Así mesmo, puxo enriba da mesa a dubidosa "sostenibilidade" de manter este tipo de servizo --que require un técnico licenciado contratado a tempo completo-- en municipios que teñan menos de 3.000 habitantes, dando "diñeiro a varrer para dentro". "Temos que buscar servizos estables", proclamou o secretario xeral, quen aposta por que se "agrupen" os concellos como con outras actuacións ambientais ou de servizos sociais.
Por outro lado, tamén defendeu a creación da rede de dinamización lingüística, que foi "amplamente pedida dende o principio dos tempos" e que servirá para "coordinar" os servizos lingüísticos. "Pero non pode dicirlle aos alcaldes" o que teñen que facer, apostilou.
Bieito Lobeira sinalou que pasar de convenios trianuais a anuais "si é política guadiana", e concluíu que a Xunta pretende "acabar" cos servizos de normalización lingüística. "Nunca na historia da autonomía un goberno se atrevera a tanto, vulnerándose anuncios formais e dándose un ataque máis contra o galego", reprobou.
