Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 15.11.2018 Actualizado 14:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Valentín González Formoso insta a Gonzalo Caballero a entrar "máis pronto que tarde" no Parlamento como deputado

Valentín González Formoso
Valentín González Formoso

SANTIAGO. EP  | 05.11.2018 
A- A+

O secretario provincial do PSdeG na Coruña e presidente da Deputación, Valentín González Formoso, defende que o responsable do partido en Galicia e, desde este sábado, candidato á Xunta, Gonzalo Caballero, debe entrar no Parlamento galego como deputado e portavoz do grupo parlamentario.

"Creo que si, eu creo que ademais el mesmo é consciente diso", asegurou en entrevista na Radio Galega, recollida por Europa Press, na que engadiu que "hai que adoptar as decisións que sexan necesarias para que máis pronto que tarde Gonzalo lidere tamén o grupo parlamentario".

Unha afirmación que se produce no día despois da proclamación oficial de Gonzalo Caballero como candidato á Xunta, o primeiro en estar confirmado de cara aos comicios de 2020. González Formoso cre que se abre así "un escenario positivo porque a xente vai visualizar un candidato que ten que responder xa" como tal, e non só como secretario xeral.

Ante o proceso de primarias nas cidades de máis de 20.000 habitantes de cara ás municipais, que o PSdeG arrincou en paralelo, González Formoso pon en valor que os socialistas galegos optasen polo "sistema máis difícil para escoller aos mellores", procesos "moi difíciles, moi duros", que "confrontan proxectos a nivel persoal, político, ideolóxico" e onde "as tensións persoais son máis que evidentes".

Ante esto, móstrase "absolutamente" favorable a buscar a "integración" para chegar ás votacións co menor número de candidatos -presentáronse tres en Ferrol, catro na Coruña e cinco en Ourense--, e abre a porta a sumarse a calquera reunión que persiga acordos entre os precandidatos. "Se se me quere convocar a unha reunión para integrar os proxectos que se están levando a cabo, alí estarei".

CONTACTOS CON GONZÁLEZ LAXE QUE NON FRUTIFICARON
No que respecta á cidade da Coruña, González Formoso confirmou que se mantiveron contactos co expresidente da Xunta, Fernando González Laxe, para que optase á alcaldía da Coruña. Defende que sería "o mellor" candidato, pero respecta a súa negativa por estar nunha "etapa da vida" na que prefire non entrar "nun proxecto tan duro como é o municipal".

No caso de Santiago, móstrase convencido de que o exalcalde Xosé Sánchez Bugallo vai ser "un dos grandes aspirantes á alcaldía" e asegura estar "francamente orgulloso" do equipo logrado, co pacto alcanzado con Gumersindo Guinarte e Mercedes Rosón.

En cambio, rexeita confirmar se optará á reelección nas Pontes, onde goberna desde 2007. Admite ter "gañas" pero puntualiza que a decisión terá que ser adoptada polos compañeiros da agrupación local "en función de varios criterios".

DEPUTACIÓN
Na mesma liña, pronúnciase sobre a posibilidade de repetir á fronte da Deputación, no caso de que volva recaer en mans do PSOE, dado que "ten que pasar por moitas barreiras" e serán os compañeiros de partido os que decidan se é a "persona idónea".

En todo caso, avalía con "notable alto" a xestión durante o seu mandato, no que co-goberna en minoría co BNG, ante "a corporación máis plural da súa historia" con formacións tan "variadas e distintas" como as que que perseguen a desaparición da Deputación até as que a defenden a "ultranza".

Con todo, móstrase "sorprendido moi gratamente con todos os portavoces" con presenza na corporación, porque responderon "con enorme responsabilidade, demostrada en cada un dos puntos do día sucesivos dos plenos".

"Desde Compostela Aberta, Alternativa dos Veciños, Marea Atlántica, PP, por suposto BNG, fan que esta Deputación sexa moi fácil de gobernar, grazas a esa responsabilidade na que cada un dos representantes parece que veñen pelexados de casa e alí van construír", recoñeceu.

"É unha sorte", asegura, diferenciando este comportamento co que se pode percibir noutras administracións como a local ou a autonómica. "Non estaría mal que o resto de institucións puidesen facer un 'clinic' dunha semana na Deputación para comprobar como se xestiona unha institución desde a responsabilidade de todas as forzas políticas", agrega.

REXEITAMENTO DE CARMELA SILVA A ACUDIR AO PARLAMENTO
Ao fío disto, preguntado polo rexeitamento da súa homóloga na Deputación de Pontevedra a acudir á comisión de orzamentos do Parlamento de Galicia deste venres, elude valorar a decisión de Carmela Silva e limítase a defender a súa propia, de si participar, pero con críticas a unha Comisión que considera que "non constrúe nada" e que non responde o obxectivo polo que foi creada.

"Podo xustificar a miña decisión, comparecer en base ao que establece o estatuto de Autonomía", ao redor da idea de "coordinar orzamentos" e evitar que "se solapen" e se desperdicien "recursos".

Con todo, criticou que "esa Comisión non vale para iso, esa comisión é un trámite máis para cumprir o Estatuto de Autonomía", "alí non se constrúe nada".

Cita como exemplo o plan de emprego da Deputación, dotado con 10 millóns de euros e que non está coordinado co da Xunta, a pesar das "reiteradas peticións" expostas desde a institución provincial. Ou feitos como que a Deputación teña a titularidade de "dous centros de menores", os únicos en toda España que non son do goberno autonómico.

"Denotan que a falta de coordinación entre administracións segue sendo unha realidade, e esta Comisión que foi creada para iso tampouco o evita", lamenta. Ante a pregunta de se a postura de Carmela Silva tampouco contribúe a facilitar esta coordinación, remarca que "iso é unha cuestión que debe dilucidar e explicar quen toma esa decisión".

Sobre a súa xestión á fronte da Deputación, González Formoso pon de relevo proxectos como o Plan Único que sintetiza once liñas de subvencións, ou o Plan de Emprego co que aspira a que se cren 3.000 postos de traballo e se transmita "que ningunha boa idea dun emprendedor da provincia quede no baúl por falta de apoio".

PLAN FERROL E ALCOA
González Formoso, como alcalde das Pontes, reiterou a súa "preocupación" pola decisión do Goberno central de retirar o carácter territorial do Plan Ferrol impulsado polo goberno socialista de Zapatero.

"Estamos preocupados e non estamos de acordo", manifestou, aínda que acusou ao goberno de Mariano Rajoy de modificar os criterios das axudas até o punto de que "xa non funcionaba", pondo como exemplo que de "50 millóns previstos en 2017 só se concederon 500.000".

"Esperamos que o prioritario sexa o mantemento da súa territorialidade, mandamos unha mensaxe contundente como PSOE na comarca e esperamos que o Ministerio sexa sensible a esta petición", asegurou. A solicitude dos rexedores socialistas aínda non foi respondida, pero Formoso dá marxe á ministra, da que alega que está "centrada" na problemática de Alcoa.

Con respecto á multinacional norteamericana, cre que a ameaza de peche das plantas de Avilés e A Coruña puxo tamén de manifesto a "realidade económica mundial, cun modelo de crecemento moi forte de China e área asiática, con salarios ridículos" e que pon "en perigo de extinción o modelo occidental".

Por iso, insta as forzas políticas e institucionais a "impor" medidas, na súa relación con estas áreas industriais, que xogan "moi deslealmente neste mercado", algo que afecta a "Alcoa, sumado á política errada da enerxía neste país desde hai décadas".

Coa cuestión de Alcoa e o futuro da central de Endesa nas Pontes de fondo, aposta por "un pacto de Estado" no que se teñan en conta: o medio ambiente e a sustentabilidade, pero tamén a sustentabilidade económica.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS