Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 13.12.2017 Actualizado 17:49
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

O valor de obxectivos e folla de ruta en común

MANUEL MERA  | 22.11.2017 
A- A+

Durante o ano 2015 houbo no noso País nada menos que 3.524 manifestacións. Delas, case a metade por razóns laborais. Isto indica cales son as prioridades sociais. Dá unha media de rente de 10 manifestacións ao día na Galiza. Non se pode dicir polo tanto, que o noso sexa un pobo que acepte pasivamente a explotación e a opresión, ou calquera outro tipo de inxustiza. Lembremos que se realizaron, dende a caída da ditadura, nada menos que 14 folgas xerais, tres delas en 1984. A primeira, convocada en toda Galiza exclusivamente pola INTG. Estas folgas non foron unha arroutada. Non naceron do espontaneismo. Respondían a un contexto de grande conflitividade laboral e de reivindicacións democráticas. Ademais viñan precedidas de campañas prolongadas, como as xornadas de loita de 1978, consistentes en divulgación, accións, mobilizacións e paros, que recollían as principais e urxentes reivindicacións da clase traballadora.

Aínda que hoxe existan os mesmos motivos, ou máis que daquela, para realizar unha folga xeral, tendo en consideración o retroceso das condicións laborais e dos salarios, así como as altas taxas de desemprego e emigración da mocidade, o certo é que semella faltar unha folla de ruta. Existe unha resposta laboral e social de base, na que o nacionalismo de esquerda ten un papel destacado, malia os atrancos creados pola ofensiva do capital contra dereitos historicamente conquistados. Aínda con estes atrancos, non son poucos os conflitos de empresa e sector que rematan con conquistas económicas ou melloras nas condicións de traballo. Especialmente cando se conta co arroupe sindical necesario, e existen condicións obxectivas e subxectivas, comezado pola unidade do colectivo afectado.

Temos como exemplos moi recentes, dous conflitos orixinados pola procura de melloras no convenio que remataron en éxito, e nos que CIG tivo un papel sobranceiro, como son os de Bershka na provincia de Pontevedra e o de Leche Celta en Pontedeume. Evidentemente, hai máis loitas laborais con resultados positivos. A todas elas hai que lles dar divulgación. Non só a aquelas nas que se conseguiron avances económicos, senón tamén a aquelas nas que se aumentou a afiliación sindical, e se avanzou en organización e conciencia de clase. Só así se pode axudar a rachar o silencio informativo, e combater o derrotismo que se predica dende os medios e forzas afíns á patronal, en relación a que hoxe é practicamente imposíbel conseguir melloras para alén das limitadas ofertas que ofrece o capital. Porén, é fundamental tirar ensinanzas correctas, que superen o gremialismo, que creen conciencia de clase e nacional. A loita no ámbito das ideas é tan importante como a mobilización e a repercusión institucional.

O anterior é esencial, porque sería moi inocente pensar que a batalla por mellorar as condicións laborais, polos salarios e a loita contra a desigualdade, vaise gañar cunha simple guerra de guerrillas, xa que é necesario mudar unha correlación de forzas xeral moi desfavorábel. Un contexto no que, dende o poder económico, xudicial e político, se poden destruír en pouco tempo os avances obtidos con tanto esforzo nalgunhas empresas e sectores. A clase traballadora, a súa dirección, deben analizar o longo prazo. E neste aspecto, é prioritario fixarse como meta agrupar a loita reivindicativa de base, mediante obxectivos compartidos e unha folla de ruta en común. Isto aumenta a conciencia de clase e nacional, na práctica, por abaixo. Este paso adiante é necesario para conseguir novos avances, para que a patronal o pense dúas veces antes de cuestionar conquistas ou pecharse en banda na negociación colectiva, mesmo nas empresas con menos tradición de loita.

Son necesarias campañas reivindicativas que se estendan no tempo, nas que se combine, a mobilización (manifestacións, concentracións nacionais e locais) coa propaganda masiva, tanto nas empresas, como mediante actos, artigos, panfletos, carteis, adhesivos, vídeos, Internet, etc. Unha propaganda que analice, que debulle, que dea respostas e solucións. Trátase de acumular forzas na acción, e ademais, como en toda confrontación, demostrar que o movemento obreiro está en condicións de dar calquera batalla, que os sindicatos e partidos de clase non só arroupan os conflitos, senón que son quen de dirixilos con éxito.

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS