Hemeroteca web
|
RSS
Martes 22.05.2012
| Actualizado 12.06
![]() |
| Jesús Vázquez |
O conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, resaltou este martes a importancia que, ao seu xuízo, ten "abrirlles aos nenos as portas do galego como primeiro paso para abrirllas ao plurilingüísmo".
Nun acto na Escola Infantil do Centro Príncipe Felipe, en Pontevedra, acompañado polo presidente da Deputación provincial, Rafael Louzán, Vázquez participou na celebración do Día Internacional da Lingua Materna.
Segundo manifestou o conselleiro, "o futuro ten que conxugarse, tamén, en galego", unha mensaxe que o auditorio acolleu entre choros, procedentes dun público formado por numerosos bebés de entre 0 e 3 anos.
Ao acto asistiron tamén as deputadas provinciais Ana Isabel Vázquez e Marta Igrexas; o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o delegado da Xunta na provincia, José Manuel Cores Tourís.
PAPEL INTEGRADOR
Jesús Vázquez fixo fincapé no "papel integrador do plurilingüísmo na educación" e recordou que esta tarefa de transmitir a lingua é compartida por familias e docentes, "cun papel fundamental das escolas infantís".
O conselleiro engadiu, ademais, que o plurilingüísmo "tan só é polémico cando se entende dende un punto de vista político". Coincidiu con el o presidente da Deputación Provincial de Pontevedra.
Así, Louzán falou de "bilingüismo harmónico" e apostou pola transmisión dende as idades máis temperás do "grande patrimonio" que é a lingua galega, convencido de que os nenos "que hoxe comezan a falar, en varias linguas, pero sobre todo na súa lingua materna" poderán expresarse nun futuro en máis dun idioma, algo imprescindible na sociedade actual.
Así mesmo, Louzán mostrou a súa satisfacción porque a Consellería de Cultura e Educación elixise Pontevedra, e máis concretamente o centro Príncipe Felipe, para celebrar este día e subliñou o "grande papel" que desenvolve a escola infantil, que facilita o labor de conciliación da vida familiar e laboral a 120 familias.
O acto concluíu cun concerto musical para bebés, 'Arrolos no colo da fala', a cargo dos músicos Xabier Díaz e Guillerme Fernández.
