Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 20.09.2019 Actualizado 20:16
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Vella síndrome de derrota

XOSÉ A. GACIÑO  | 25.07.2019 
A- A+

Confeso que, por unha vez (e non me importa que sirva de precedente, se iso supón que cambia a súa habitual liña histriónica), me emocionei cun discurso de Gabriel Rufián, e non o digo pola mención sentimental aos contos infantís escritos por Oriol Junqueras coa que rematou a súa intervención na sesión final da non investidura de Pedro Sánchez. Emocionoume pola enérxica reprensión que dirixiu aos dous máximos responsábeis do fracaso da esquerda, Pedro Sánchez e Pablo Iglesias. Emocionoume polo lamento sobre canto tempo, cantos meses, cantos anos, toda a esquerda –“teña a bandeira que teña no seu logo”- vaise arrepentir do fracaso da investidura. Emocionoume pola angustia coa que se preguntaba se haberá setembro (o novo prazo marcado para intentar un novo fracaso), se eles, a esquerda catalá independentista, poderán  votar o mesmo (abstención) en setembro (a dereita independentista xa votou co resto das dereitas: non).

A emotiva reprimenda do portavoz de Esquerra Republicana de Catalunya (como a máis racional e pragmática do portavoz do PNV) devolvíalle a un á realidade, despois do desconcerto que causaba o cruce de descualificacións entre os “socios preferentes” como colofón dunha suposta negociación indirecta a través das cámaras de televisión. Antes dese colofón lamentábel, algúns pensabamos que, en realidade, habería acordo no último minuto, que non sería posíbel que dous partidos que se consideran de esquerdas non fosen capaces de entenderse por unha carteira de máis ou de menos. Por moitos sinais de discrepancia que as dúas partes emitiron durante o tempo que deberían ter empregado en negociar, algúns nos resistíamos a sacar a conclusión de que poderían estar a practicar o xogo suicida de Rebel without a cause (Rebelde sen causa), a ver quen era o último en saltar do coche antes de enfiar o abismo.

E non se trata de comprobar quen foi o que caeu realmente no abismo metafórico (que se materializará politicamente nas xa posíbeis eleccións de novembro). Non se trata, como di Rufián, de quen explique mellor o seu relato para sacarlle rédito electoral, senón de comprender que a xente, o sufrido electorado de esquerdas (que xa acudiu a votar o 28 de abril con moitas dúbidas e moitos narices tapados), vai meter no mesmo saco a todos, como responsábeis conxuntos dunha nova frustración.

Espero non repetilo -porque un trata de manter certo nivel de distanciamento brechtiano para fomentar o espírito crítico-, pero permítanme esta vez compartir esa vella síndrome de derrota que Gabriel Rufián asegura levar no seu ADN de home de esquerdas. Unha síndrome que, até agora, non afectou ás miñas conviccións democráticas.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS