Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.11.2017 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Vellas ideas acazapadas

XOSÉ A. GACIÑO  | 05.03.2017 
A- A+

Un autobús con propaganda de penes e vulvas para nenos e nenas (pornografía infantil?). Insultos e algunha agresión física contra un coro carnavalesco que representa un espectáculo de drag queen en Cádiz (cidade tradicionalmente tolerante coa homosexualidade, mesmo nos tempos nos que estaba proscrita). Un eurodeputado polaco aparentemente convencido de que as mulleres deben gañar menos porque son máis débiles e menos intelixentes, dando por suposto que el é forte e máis intelixente (exhibicionismo físico e mental?).

Parecería que, coa chegada de Donald Trump á Casa Branca, se tivese levantado a veda do disparate retrógrado e tivesen saído do armario homófobos, tránsfobos e machistas vergoñentos, que antes disimulaban a súa rancia ideoloxía para non facer o ridículo. Se todo un presidente de Estados Unidos arremete con mensaxes, mentiras e agresións tan estridentes ou máis que as mencionadas, por que van os ultras europeos a reprimir a expresión dos seus sentimentos máis profundos e xenuínos contra o que consideran perigosa libertinaxe progresista?

Rachas como estas veñen recordarnos que o que chamamos progreso da humanidade é un proceso moi lento e moi irregular. Imparábel e case indiscutíbel no que se refire aos avances técnicos, pero moito máis discutido e sometido a toda clase de rémoras e prexuízos de carácter ideolóxico, relixioso ou cultural no que se refire ás relacións persoais e sociais, desde as estritamente íntimas ate as estruturas políticas. Fronte aos cambios que se viñeron sucedendo nos últimos dous ou tres séculos, ás veces de xeito vertixinoso e aparentemente asumidos pola maioría, as vellas ideas permanecen como acazapadas nunha sorte de subconsciente colectivo, á espera dos momentos oportunos en que os vellos intereses necesiten botar man delas para reafirmar ou mesmo recuperar poderes e controis que estaban a debilitarse.

A última gran crise financeira demostrounos que os dereitos sociais e laborais –que se consideraban unha conquista irreversíbel da socialdemocracia europea– poden deteriorarse ou perderse en calquera momento. Cuestión da socorrida correlación de forzas, de que exista ou non un certo contrapeso á vontade hexemónica dos grandes poderes económicos. Da mesma maneira, os fanáticos da moral represiva aproveitan calquera ocasión para resucitar a súa particular cruzada contra supostas conspiracións universais de gais e feministas. Como para recordarnos que esas alegres aperturas de costumes –en realidade, dereitos conquistados con moito esforzo– poden cerrarse cando a correlación de forzas lles sexa favorábel e eles restablezan a súa sagrada e intolerante orde natural das cousas.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS