Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.11.2017 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Velocidades e territorios

XOSÉ A. GACIÑO  | 24.03.2017 
A- A+

Resulta curioso que Mariano Rajoy se apunte con entusiasmo á Europa de dúas ou máis velocidades, cando en España é un ríxido partidario da uniformidade en materia de organización territorial. Cuestión de oportunismo: os promotores dos cambios de velocidade na Unión Europea contan con el, con España, para a primeira categoría e en España el é o que marca a velocidade única, polo menos de momento.

A asimetría na Unión Europea sempre existiu, sobre todo a medida que se foi ampliando o club. Alemaña e Francia exerceron sempre de líderes, co acompañamento destacado do núcleo inicial e a influencia variábel das novas incorporacións en función do peso político e, sobre todo, económico de cadaquén, por moito que a esixencia de unanimidade en determinados niveis de decisión transmita unha imaxe de igualdade. De feito, hai aspectos nos que non todos os membros da UE participan, como a moeda común ou o espazo Schengen. E hai aspectos nos que non todos os membros da UE –por non dicir moi poucos– asumen as directivas comunitarias, como quedou clamorosamente visíbel na crise dos refuxiados, sen que o núcleo duro conseguise impor o cumprimento dos deberes, como si o fai no caso das directrices económicas de recortes.

En España, a Constitución contemplaba diversas velocidades no camiño de acceso á autonomía: a vía rápida dos tres territorios (Cataluña, Euskadi e Galicia) que xa plebiscitaran un estatuto “no pasado” (denominación aséptica para non referirse á Segunda República Española no texto constitucional), a vía algo menos rápida (necesitaban un referendo previo, antes de pórse a elaborar o estatuto) do artigo 151, á que só se acolleu Andalucía, e a vía lenta do artigo 143, que se aforraban os referendos pero tiñan que pasar por unha sorte de período de carencia de cinco anos, como de autonomía de baixa intensidade, antes de asumir competencias de altura. Esa asimetría inicial foi diluíndose a medida que as autonomías do 143 foron asumindo competencias de primeiro nivel (educación e sanidade, especialmente, en cuxa xeneralización estivo moi dilixente o goberno de Aznar). Agora ninguén quere renunciar ao “café para todos” e o poder central (que non é só político) conta coa maioría de comunidades autónomas para defender un modelo territorial uniforme, sobre todo cando é a dereita a que goberna na Moncloa.

Non será fácil institucionalizar unha Unión Europea de varias velocidades, porque os países do Leste –que, quizais porque eran tempos de prosperidade, foron incorporados á UE con certa precipitación– xa forman un grupo de presión importante e van vender caro o seu descenso de categoría, mentres o crecemento da extrema dereita en varios países preme contra o propio proceso de unidade europea. Como non resulta nada fácil reconducir a organización territorial española para intentar integrar as aspiracións nacionalistas das comunidades máis diferenciadas.

E como non é fácil e parece que non abunda a intelixencia política para facer fronte ás dificultades, pode que se sigan a acumular frustracións e improvisacións, entre a crise económica permanente e o retorno da intolerancia (que nunca desapareceu totalmente, pero pensábamos que estaba controlada), cando algúns deciden encerrarse no seu reduto e outros non aceptan xestionar a diversidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS