Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 17.10.2019 Actualizado 13:06
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A LEA DO VENTO

Vento en mans alleas

O 90% da potencia eólica pertence a empresas de capital social non galego ·· A banca estatal e os holdings financeiros internacionais explotan o noso recurso

AXENCIAS  | 30.11.2010 
A- A+

RAMÓN ESCUREDO
Vacas pastan ante uns muíños de vento pertecentes a un parque eólico da parroquia de Xestoso, en Silleda
FOTO: RAMÓN ESCUREDO

O 90% da potencia instalada na comunidade está en mans de empresas de capital foráneo. Esta realidade, consolidada durante os últimos quince anos a través dun proceso de explotación moi intensiva do vento, mantense tras o repartimento dos 2.325 megawatts do último concurso eólico promovido pola Consellería de Industria. Fronte á "galeguidade" das firmas beneficiadas defendida polo conselleiro Javier Guerra, o certo é que o 55% do total dos novos megawatts está en mans de empresas de capital non galego mentres que o 45% restante que, a priori, semellan ser de capital, agochan detrás un bo número de vinculacións empresariais que levan a súa orixe moi lonxe da comunidade. A banca estatal e os holdings financeiros internacionais serían, deste xeito, os últimos responsables da explotación dun dos recursos con máis futuro dos que goza o país. Para comprobalo só hai que botarlle un ollo ó podio do concurso onde dúas das tres empresas máis beneficiadas son compañías fóraneas (Fenosa Wind e Estela Eólica) e só unha galega (Norvento).

"Todas as empresas promotoras teñen en Galicia unha sede social pero iso non implica que o seu capital social sexa maioritariamente galego", explica Rosa María Regueiro, doutora en Economía e experta no sector éolico, que analizou moi polo miúdo na súa tese Xénese e desenvolvemento do sector eólico en galicia (1995-2010): marco institucional, aspectos económicos e efectos ambientais. Segundo apunta Regueiro, a maioría das firmas que explotan o noso vento son filiais ou están participadas por unha empresa matriz con sede en Madrid, Londres ou Nova York e que, a súa vez, están participadas por grandes compañías enerxéticas que dependen dun reducido número de grupos financeiros ou de investimentos. A reflexión non é gratuíta: entre 1995 e 2008, o 71% dos megawatts concedidos pola Xunta foron parar catro grupos: Entrecanales, Iberdrola, Endesa e Fenosa. A fortuna volveu sorrirlles a estas dúas últimas no concurso popular, no que Fenosa se fixo con 339 Mw -o máximo na repartición- e Endesa, a través de Enel Green Power España, un total de 138, ocupando a quinta posición.

 

Penalizar o incumprimento dos plans industriais

O asunto é particularmente grave se temos en conta que, segundo indica un estudo da Universidade de Vigo -dirixido polo economista Xabier Simón e titulado Plans eólicos empresariais no sector eólico galego- a maioría das empresas beneficiadas polo decreto eólico de 1995 non levaron a cabo os proxectos industriais asociados. Este sería o caso de Endesa, de cuxo proxecto para abrir unha fábrica de pas entre 2000 e 2005 e outra de ensamblaxe de multiplicadores na Coruña non hai nin rastro. A causa está nun falta de control por parte da Xunta e unha valoración "irreal" dos proxectos. "É preciso poñer en marcha mecanismos de auditoría periódicos para verificar o cumprimento dos proxectos e establecer penalizacións para quen non o faga, como impedir que se presenten a un novo concurso", explica Regueiro.

Esta práctica recorrente de deixar o liderado eólico en mans de empresas foráneas trae consecuencias sobre o tecido produtivo do país. Tal e como explica Regueiro, as grandes enerxéticas teñen detrás unha construtora, polo que a "apropiación" do recurso é total: "Aprópianse do beneficio da construción do parque eólico, do proceso de produción, da venda de enerxía e mesmo das operacións de mantemento, co cal moi pouco queda aquí", afirma a experta. De aí, a súa aposta polas compañías do país, probablemente máis pequenas e con menor capital pero máis interesadas en crear riqueza e postos de traballo en Galicia. Como exemplo, Regueiro pon a Engasa, firma eólica galega que acaba de gañar o concurso cántabro, e que no galego recibiu 96 Mw, quedando nunha novena posición. Fronte a esta "discriminación" cara ás empresas do país, a doutora en Económicas fai referencia á concesión de megawatts eólicos a firmas -un total de cinco- con escasa ou nula experiencia no sector.

AS CLAVES

Propietarios dos montes, obviados

A industria éolica galega -a diferenza de países punteiros no sector como Dinamarca ou Alemaña- obvia, dende os seus inicios, varios elementos fundamentais como a propia ordenación do territorio ou a participación dos propietarios dos terreos, principais prexudicados. "No modelo danés, xa aplicado en Cataluña, os donos dos montes son accionistas, tendo unha remuneración máis acorde, sen que por iso as empresas eólicas deixen de ser punteiras", afirma Regueiro. Fronte a isto, o novo concurso deixa a situación igual, incluíndo un criterio polo que se lles dá preferencia a aquelas empresas que mellor remuneren os propietarios. "A valoración segue a ser rídicula e, cando non se consegue un acordo, automaticamente actúa o tribunal de expropiación, co que saen perdendo", di.

O 40% dos muíños, en Rede Natura

O 40% dos muíños existentes na actualidade en Galicia están en espazos protexidos pola Rede Natura. Así o estableceu o decreto 302/2001, onde se recoñece que o asentamento de parques eólicos en espazos protexidos non lesiona a situación natural. "A decisión non foi aleatoria, xa que as zonas de Rede Natura escollidas para o sector eólico son as que rexistran mellores medicións de vento", explica Regueiro. Agora, cos aeroxeradores xa instalados, esta experta no sector alerta do impacto que terá a posible repotenciación autorizada pola Xunta, xa que o cambio de muíños obrigará a intervir de novo sobre o terreo. Por iso, Regueiro esixe establecer medidas ad hoc claras e efectivas de minimización e prevención nos espazos protexidos.

AS FRASES

Rosa María Regueiro

"A Administración estivo sempre a favor das demandas empresariais. Mais o interesante sería que o seu beneficio redundara o máximo posible no país. Se as empresas son de fóra, o capital marchará"

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS