Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 13.12.2017 Actualizado 17:49
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Verín reclama á Xunta máis medios e "profundos axustes" en extinción e prevención de incendios forestais

Aprobouse unha declaración institucional en pleno extraordinario, con votos a favor do PSdeG e BNG e en contra do PP

OURENSE. EP  | 08.08.2017 
A- A+

O Concello de Verín (Ourense) aprobou en pleno extraordinario, cos votos a favor do goberno local de PSOE e BNG, e en contra do Partido Popular, unha declaración institucional na que se reclaman á Xunta máis medios e "profundos axustes" para extinción e prevención de incendios forestais na comarca e na provincia de Ourense.

A sesión plenaria convocouse de forma extraordinaria, tras o devastador incendio que se iniciou o pasado venres e que arrasou 1.372 hectáreas nos municipios de Verín e Vilardevós. O rexedor de Verín, Gerardo Seoane, mostrouse moi crítico desde o primeiro momento co desenvolvemento do dispositivo de extinción, entendendo que se iniciou con excesiva lentitude.

A Declaración recibiu 8 votos a favor (4 do PSdeG-PSOE e 4 do BNG) e os 7 en contra do Partido Popular. Tras a súa aprobación, será remitida á Consellería de Medio Rural e ás forzas políticas do Parlamento de Galicia.

A iniciativa reclama axustes no Servizo de Prevención e Defensa, un maior investimento en materia preventiva e unha nova organización do territorio de forma racional.

Nesta liña, expón que "o Servizo de Prevención e Defensa contra incendios forestais (SPDCIF) necesita na comarca, e por extensión no sur de Ourense, profundos axustes".

Uns axustes que concretan na mellora do sistema de detección e vixilancia dos focos incendiarios, na mellora no ámbito preventivo de investigación e vixilancia das zonas nas que, historicamente, actúan os incendiarios, e na utilización de medios tecnolóxicos adecuados para a vixilancia.

A declaración remarca que "a zona sur de Ourense necesita dispor de máis medios aéreos de carga en terra ou aparellos anfibios, e garantir un ataque en secuencia aos lumes con máis axilidade e eficacia".

RETOMAR BRIGADAS DE REFORZO DE VERÁN

No texto, asegúrase que "se deben retomar as brigadas de reforzo do verán contratadas pola administración, operativas desde o comezo da época de alto risco, e prescindir das brigadas municipais, salvo os Grupos de Emerxencia Supra Municipais (GES)".

Verín tamén demanda da Xunta de Galicia un "maior investimento en materia preventiva". Para iso, propón establecer convenios en colaboración cos Concellos para a xestión de biomasa nas franxas de protección de núcleos e nas vías de comunicación municipais, ampliando a súa dimensión.

Así mesmo, demándase da Xunta de Galicia unha nova organización do territorio "de forma racional" facendo fincapé no uso e os recursos do chan e o desenvolvemento sustentable.

CONDENA AOS AUTORES DE INCENDIOS

Na Declaración institucional, o Concello de Verín tamén transmite a súa condena aos autores de incendios. Así, manifesta a "indignación e repulsa pola acción de xente sen escrúpulos que utiliza o monte e o patrimonio natural para resolver intereses ocultos, ou simplemente, co obxecto de facer dano ao conxunto da sociedade".

Engádese que "este tipo de individuos" son merecedores dun "absoluto desprezo" e reclámase "a actuación rigorosa, dilixente e eficaz do aparello xudicial e das forzas de seguridade para identificalos e darlle o seu merecido castigo".

DEMANDA Á XUNTA DE MEDIDAS DE REFORESTACIÓN

O Concello tamén pide á Xunta de Galicia o inicio "canto antes" de tarefas de restauración e repoboación forestal nos montes de Vilarmaior e Queirugás, e medidas de protección necesarias para evitar a erosión nos montes na época de choivas.

Finalmente, maniféstase a "solidariedade" cos afectados, póndose a administración local á súa disposición para informarlles das medidas compensatorias que poidan ser do seu interese, e agradécese o traballo dos membros dos servizos de extinción, forzas de seguridade e voluntariado que participaron na extinción do incendio.

O pleno estivo presidido polo tenente de Alcalde, Diego Lourenzo, ante a ausencia do alcalde, o socialista Gerardo Seoane, que se ausentou por problemas de saúde, o que provocou o atraso de media hora na celebración da sesión.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS