Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 17.10.2019 Actualizado 14:56
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

LUCERNA DA PORTELA

O verme Noel

XOSÉ MANUEL LOBATO MARTÍNEZ  | 18.10.2012 
A- A+

Como calquera outro líder da súa especie, Noel desprázase arrastrándose e con exasperante superioridade, mentres tanto argalla obsesivamente a forma de trepar e trepar ata acadar o que na súa escala de valores se considera o cumio.

 

O gran verme permanece sempre en campaña no país dos bechos, promete e promete, mais o seu é acaparar e acaparar, tenta disimular con gran esforzo, pero tanta avaricia transformada en gula termina por traizoalo e sempre queda en evidencia polos seus actos reflexos.


Os seus xa non o recoñecen... do prometido ao feito vai un treito, longos sendeiros libres que terminaban sendo a esencia da explotación, cobrando peaxe ou canon por servizos que non existían, mais ante tales atropelos esixía submisión e silencio.


Pouco tempo queimado necesitou o verme para convencerse de ser o gran mesías do pobo, gobernou e mandou sen escoitar a voz famenta dos seus, cobizoso coma ninguén imbuía os votos dos seus paisanos de forma convulsiva e insaciable.


Agrandada a súa sombra de salvador, proclamou as súas promesas, mais na realidade só prometía para tentar saciar a súa fixación de egocéntrico rei, todo un soño proclamarse rei.


As súas accións e comunicados eran emitidos cunha caducidade prefixada no estralampo novenario. Hoxe, nas vésperas da reflexiva reflexión un ideal do gobernador Noel; non é posible unha política social sen política económica.


Un verme deste tamaño e coñecementos é necesario en calquera país, pode que tamén imprescindible, pois o poder xa non corrompe en terras de augas turbias.


Noel, o cobizoso, necesitou tempo vello e augas cristalinas para ver a súa verdadeira imaxe e fuxir de pavor...


A súa historia é dunha riqueza excelsa e moi oportuna, un persoeiro insaciable nunha historia para provocar profunda reflexión dende A cobiza do verme Noel, título dun conto do poeta Miro Villar para nenas e nenos, as galiñas azuis espalladas polos eirados de Galicia agardan ansiosas peteirar en verme tan apetecible. 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS