Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 23.04.2018 Actualizado 13:56
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

NOTICIAS COTIÁS

Viaxar… a mellor das experiencias

RUTH FERNÁNDEZ  | 26.12.2017 
A- A+

Chegou o Nadal e con el a posibilidade de desfrutar coa familia do tempo de lecer, compartindo xantares e ceas, desfrutando das conversas e do agarimo que se ofrece no fogar que nos viu medrar. Estes días son para eles, para os pais e irmáns, para os avós, para a xente achegada, para todos aqueles que sentimos dentro do noso corazón. Para os amigos tamén. Son datas nas que a idea de volver á casa, á orixe, se volve nun verdadeiro agasallo para os sentidos. A maxia do Nadal fainos sentir novamente coma nenos. Si, é certo, nestas festas volvemos á nenez. Somos de súpeto raparigos que agardan con ilusión a chegada dos Reis Magos, do Apalpador e de Papá Noël.

Ese é o mellor agasallo, desfrutar da familia volvéndonos nenos outra vez. Como viaxar, a mellor das experiencias para o ser humano. Polo menos para quen asina estas liñas. Acabo de regresar da miña viaxe a New York e o vivido quedará gravado para sempre na memoria. Imborrable. Unha viaxe chea de bos momentos, de maxia, de ilusión. Dende a visita ao Empire State Building ata os paseos por Times Square, sentíndonos protagonistas dos filmes americanos que deixan que a cámara capte a esencia do lugar. Así o experimentamos, como estrelas de Hollywood perdidas en Manhattan. Como esquecer os momentos rodeados de esquíos en Central Park ou a pista de xeo do Rockefeller Center, a visita a Tiffany e as compras na 5th Avenida. Todo moi caro, todo luxos, pero o capricho de mercar en Victoria’s Secret e deixarse caer en Michael Kors quedan para sempre no maxín. Subir ao Top of the Rock e ver dende alí a inmesidade de Manhattan, sentido como o Empire o preside todo, non ten prezo. Unha auténtica maravilla para os sentidos. A carga de adrenalina que un precisa para sentirse máis vivo ca nunca. Unha visita ás tendas de M&M’s, da NBA, de Disney ou de Lego serven para darse conta de que en América todo é ao grande, superlativo. E se un quere contrastes, no medio de todos eses rañaceos… a catedral de San Patricio.

Nunha das xornadas foi acertadísima a elección de facer cruceiro para achegarnos á Estatua da Liberdade e desfrutar da imaxe emblemática, pasando unha mañá sacando fotos… en realidade son miles as instantáneas que compartimos desas dúas semanas no lugar. Pareciamos xaponeses accionando as cámaras automáticas e as réflex, os móviles… sen esquecernos dos selfies obrigados para compartir cos que estaban lonxe… quince días de “desenfreno” en todos os sentidos, queimando a tarxeta de crédito, voando os dólares sen decatarnos… Visitamos tantos lugares, vivimos tanto, empapándonos da cultura americana… que todo me parece un soño. Un soño feito realidade. Grazas por todos eses momentos compartidos.

De New York a Filadelfia e de alí a Washington, visitando a Casablanca e coñecendo tamén New Jersey e a Universidade de Princeton, das máis prestixiosas do mundo. Ese si que é un campus universitario. Aí si que se pode falar de investimento para investigación, indo á cabeza. Que atrás estamos en España, que lonxe queda a USC cando nos comparamos con lugares coma este.

Despois dese tempo de desconexión, de total desfrute houbo que volver… coas maletas a rebentar e a cabeza chea de imaxes inesquecibles. Volver á rutina, ao traballo… Eu que sempre sufro o mes de novembro (posto que non me gustan os días curtos…) podo dicir que este ano o vivín de xeito moi diferente. Foi un novembro especial… un novembro con sabor delicioso, pola viaxe feita, pola experiencia vivida e compartida coa xente que quero. Coñecín en novembro a maxia do Nadal de New York, asistindo ao proceso de decoración da árbore máis emblemática da illa de Manhattan, a do Rockefeller. Todo un espectáculo! E á inauguración dos escaparates da Quinta Avenida, iluminadísimos e cunha coidada escenografía en cada vitrina, como caixas de música en continuo movemento. Realmente máxico.

Agora que está a piques de escapar decembro e comezar un novo ano, desexo a todos os que me len unhas felices festas. Para o 2018 un desexo: que veña cheo de viaxes de pracer, da experiencia de voar coñecendo novos lugares ou volvendo a aqueles nos que fomos felices.

Ruth Fernández

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS