Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 20.09.2019 Actualizado 20:16
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

NOTICIAS COTIÁS

Viaxe á memoria

RUTH FERNÁNDEZ  | 29.07.2011 
A- A+

En Non hai noite tan longa o escritor chairego Agustín Fernández Paz trasládanos a un tempo anterior, nun recuncho rural no que o protagonista (Gabriel Lamas) se reencontra co seu pasado a través da investigación do que sucedeu trinta e dous anos antes, cando o seu pai (xa morto) foi acusado dun grave delicto, por un suposto intento de violación. Monteverde convértese no centro da novela en canto á ubicación xeográfica dos acontecementos sucedidos en 1970, cando o protagonista marcha a vivir a París, fuxindo do acontecido cando era un mozo, aínda que nas pescudas viaxa a Guitiriz, ás Pontes, á Coruña e rememora o contacto con Barcelona. O tempo cronolóxico lévanos a un presente no que aínda goberna Galicia Fraga Iribarne (p.122), anterior á chegada do euro, onde a moeda que se manexaba era a peseta (p.53).

Agustín Fernández Paz válese dunha cita de grande profundidade para o título da que é a súa primeira obra publicada fóra da Literatura Infantil e Xuvenil, é dicir, para a súa primeira novela destinada a un público adulto. Refírome ás palabras de William Shakesperare en Macbeth: 'Reunide todo o ánimo que poidades. Que non hai noite tan longa que non remate en día'. Nestes días nos que tamén estamos desolados pola desaparición da edición impresa de Galicia Hoxe, válennos as palabras do dramaturgo inglés. Haberá un mañá no que no futuro do idioma non dependa de 'mequetrefes', en palabras de Celso Emilio Ferreiro, no seu poema 'Deitado frente ao mar'. Haberá un día no que remate a noite infinda que vive o galego.

Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil e Premio da AELG, entre tantos galardóns recibidos, Fernández Paz foi elixido como candidato español ao Premio Andersen 2012. Sorte dende aquí, amigo Agustín! Xeitosa elección, tan bo é todo o que fai. Tanto me gusta a súa literatura dende que, sendo unha nena, e tras ler Cartas de inverno (na fantástica colección Fóra de Xogo de Xerais, que tantos bos momentos me fixo pasar), me puxen en contacto co autor por carta, recibindo axiña resposta da súa parte, acompañada dunha fermosa fotografía que gardo na caixa dos tesouros. Detrás desa carta viñeron outras, comentando diversas particularidades das distintas novelas. Pasaron uns anos e, finalmente, coñecémonos en persoa na urbe das murallas, no meu Lugo natal. Unha experiencia fantástica, amigo Agustín, a de compartir contigo os momentos que o destino literario fixo que pasaramos, cara a cara, por carta ou por teléfono. Grazas sempre polas novidades que recibo nada máis saír do forno da imprenta. Sempre chegan como un grande agasallo para min, seguidora da túa obra, fan do teu éxito.

Amante da boa literatura, e logo de ter lido, entre outras, Rapazas, Aire negro, Corredores de sombra, O centro do labirinto, Noite de voraces sombras, vexo na súa última obra un clásico, no que viaxamos a un tempo no que eu nin existía, que afortunadamente non vivín, o da ditadura franquista. Outro dos acertos da novela está xa no anverso do libro, na fotografía que conforma a portada desta obra magnífica. Trátase dunha nova chamada de atención para os lectores, ao reflectirse a imaxe de Rosa Parks, a costureira negra de Alabama que un día, tras saír cansa do traballo, sentou nunha cadeira libre nun bus, negándose a deixarllo a un home branco que entrou despois, cando era algo obrigado para a súa raza. Levárona ao cárcere. Por que o fixera? Ela dixo que 'estaba farta de ceder e ceder'.

Ademais, Non hai noite tan longa é un libro que fala de libros. Como adoita acontecer coas novelas de Agustín Fernández Paz, onde a intertextualidade é unha característica definitoria, aquí temos referencias a distintas obras que para o autor deben de ser claves na súa biblioteca persoal. Estas insírense na novela a través das conversas que o protagonista ten coa súa sobriña Milena, como un xeito de deixarlle unha herdanza cultural, un patrimonio literario na formación da rapaza como individuo crítico coa historia máis recenté. A paixón por incluír as referencias de títulos e autores é algo que se observa tamén, por citar unha obra clave dentro da súa traxectoria, en O único que queda é o amor, unha compilación de relatos curtos que tiven como obra de cabeceira en varias ocasións.

Eu quédome aquí cunhas palabras de Paulo Coelho, sacadas da súa obra O alquimista: 'A coragem é o dom mais importante para quem procura a Linguagem do Mundo'. Iso é o que precisamos: valor para contar as historias e para defender o que amamos.

Ruth Fernández

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS