Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Sábado 30.08.2014  | Actualizado 18.15

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CARTAS BOCA ARRIBA

Viaxeiros por Galicia

DIANA VARELA PUÑAL  | 21.11.2011 
A- A+

Quen lle mandaría a Guillaume Manier gardar un nabo no saco e poñer o saco de almofada. De vello é coñecido que unha vez cheirado o tubérculo, o porco lambón non poderá resistir o delicioso e nutritivo recendo, e así talmente foi na busca do gorentado manxar levando consigo, sen querer, unha présa de cabelos do pobre Guillaume. Ladrón, asasino!, inxuriou en francés ó cocho cando acordou do sono doente do cacho. O que non sabemos é o retruque do porco, pois por todos é louvada a aptitude políglota e pleiteante do quino, chegando a ocupar, en moitos casos, postos de alta responsabilidade en órganos da maior importancia, tendo especial querencia pola política, a banca, ou as presidencias varias, colocacións, sobra dicir, que garanten fartura de bandullo e reloxos de ouro con maquinaria suiza, extremos que o landrú, xa o teorizara Vicente Risco, ten como prioridade irrenunciable. Calquera mente esperta comprende que sería mostra de pouco civismo e grande incultura, chegar retrasado ás comelloadas.

A historia de Guillaume Manier vén ó fío do último libro de Xan Arias-Andreu Rodríguez, “Viaxeiros por Galicia”, publicado pola editorial Trifolium. O volume non ten desperdicio. Pregúntenlle, sen ir máis lonxe, a Poitou Aymeric Picaud polo Liber Peregrinationis, unha das partes que conforman o Liber Sancti Iacobi, máis coñecido como Codice Calixtino, e que tanto esforzo lle custaría escribir sendo como era o primeiro relato de viaxes medieval. Calquera lle explica, chegado o momento, que tantos anos despois, tras sobrevivir a ducias de guerras e tribulacións varias, remataría por desaparecer do arquivo da catedral de Santiago de Compostela. Pero xa ben advertira Ambrosio de Morales, nado en cordoba en 1513, que en Compostela, dos libros teñen tan pouco coidado que deixándoselles hai tempo unha gran biblioteca nun testamento, vendérona…Vaia agoiro ciscou o bardallas do Ambrosio!, tomándonos por desconfiados e preiteantes.

Así e todo, desde onte temos un galego na Presidencia. Dígoo para achegarnos un chisco ó acontecido en Euskadi e en Catalunya, pois nun programa radiofónico falaban xa das dúas realidades sociais e culturais diferenciadas á parte da española, obviando, como se obvia ós parvos ou ós invisibles, a Galicia. Pois ben, desde onte un galego habita a Presidencia. Non se consola quen non quere. Agardemos siquera que o recén estreado Presidente non sexa un mero viaxeiro por Galicia, como aqueles ós que con tanto tino cachou Xan Arias. Para degustar os percebes e o cocido do quino que disturbiou o sono do lembrado Guillaume Manier, hai xente con forza. Non é para iso que chegou un galego á Presidencia… Non se consola quen non quere.

Diana Varela Puñal




Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS